Muras

O PAI celebra un ano dende a súa apertura

A instalación, localizada no Ceip Antía Cal, conta actualmente cun total de seis alumnos e está operativa de 8.00 a 16.00 horas, co obxectivo de mellorar a conciliación
Alumnos e docentes do PAI de Muras. M.MANCEBO
photo_camera Alumnos e docentes do PAI de Muras. M.MANCEBO

O Punto de Atención á Infancia (PAI) de Muras celebra neste mes de xaneiro o seu primeiro ano de vida, un cumpreanos que dende o equipo de goberno valoran moi positivamente, xa que foi dende o comezo un dos servizos que estaban na súa folla de ruta.

Non só por "mellorar a conciliación familiar e laboral", senón tamén porque é unha boa ferramenta para "asentar poboación", tal e como salienta a concelleira Belén Chao, quen recorda que tamén era un servizo "moi demandado polos veciños".

Actualmente á instalación, localizada no colexio Antía Cal, asisten seis nenos de entre un e tres anos —cinco están empadroados en Muras e un no municipio veciño de Xermade—, aínda que o PAI conta cun total "de 20 prazas".

O servizo desenvólvese en horario ininterrompido de 8.00 a 16.00 horas e conta con dúas profesionais ao seu cargo. "Non só ofrece un servizo de garda, senón tamén un proxecto educativo de calidade adaptado aos usuarios", indica Chao, quen avanza que de cara aos vindeiros cursos haberá novidades.

"Estamos traballando para poder ofrecer tamén o servizo de comedor", explica a concelleira, sen confirmar prazos polo momento.

Un espazo de tranquilidade e aprendizaxe
A directora do Punto de Atención á Infancia de Muras, Alba Pernas, explica que este é "un espazo de tranquilidade e aprendizaxe", no que os pequenos poden "desenvolverse dende a súa independencia". "Para nós son moi importantes as rutinas, porque estas danlles seguridade aos nenos", indica a educadora, recalcando que neste centro sempre prima o traballo en prol "da igualdade, a inclusión, a cooperación e o respecto".
Instalación
A instalación está distribuída nun espazo de xogos, que ten moita luz e liberdade, e noutra zona polivalente que tamén fai as veces de comedor. "Os espazos están decorados con materiais que traballan eles, sin sobrecargar, sempre prima a calma", especifica Alba.
Programación
No PAI de Muras trabállase cunha programación de aula na que o gran protagonista é O monstro das cores, o personaxe que permite coñecer as emocións. Tamén celebran actividades relacionadas co ciclo do ano, os cambios de estación ou festividades como o Nadal, o Entroido ou os Maios. 
Colexio
Ao estar no mesmo edificio o tránsito dos nenos é menos traumático. Ademais fan actividades colaborativas e de convivencia cos alumnos do Ceip Antía Cal coincidindo con datas importantes.

Comentarios