Pablo Núñez Meneses: "O libro recolle 1.187 moedas medievais de Galicia"

O doutor en Historia Pablo Núñez Meneses, do municipio de Láncara, acaba de publicar ‘Hallazgos monetarios medievales de Galicia’, que presentará o día 27 nas xornadas Lugo Numismático.
Pablo Núñez Meneses, doctor en Historia de Láncara. AEP
photo_camera O lancarés Pablo Núñez Meneses cunha das súas anteriores publicacións. AEP

Sobre que trata o novo libro?

É o segundo volume da tese doutoral (despois de ‘Moneda medieval gallega’) e é unha recompilación de todos os achados medievais de moeda de Galicia. Só se coñecían sobre 30 achados e agora danse a coñecer sobre 300, que están preservados en museos galegos, pero non publicados.

Cantas moedas recolle?

Recóllense 1.187 moedas medievais, ademais de outras noticias de diversos descubrimentos. Na primeira parte do libro realízase unha descrición e catalogación das moedas e, na segunda, unha análise dos contextos arqueolóxicos, como se atoparon, en que estratos... Na terceira parte reflíctense as imaxes a cor de todas.

Cales son as máis destacadas?

Para min son dúas moedas que apareceron en Lugo polo que significan historicamente máis ca polo seu valor crematístico. Unha é un tercio e dinar de Musa Ibn Nusayr, a única moeda coñecida do noroeste do século VIII procedente de achado. Tamén unha stica de Northumbria, do século IX. É unha moeda vikinga acuñada en Inglaterra. Unha hipótese é que faga referencia ás primeiras transaccións económicas de viaxeiros que chegaban a estas terras na época lucense odoriana, con asentamentos ou incursións vikingas. Refrenda que nos séculos escuros si que existía unha economía monetaria.

Da comarca de Sarria, inclúe algún exemplo no libro?

Por exemplo, un achado de diñeiros de Alfonso IX atopado en Gondrame (O Páramo), que está relacionado co Camiño Francés. Trátase de catro moedas de vellón da segunda emisión deste rei, 'legionensis moneta', preservadas no Museo Provincial de Lugo xunto a outras moedas desta mesma tipoloxía, entre as que se atopan meallas compostelás. Estas últimas son rarísimas, coñécense menos de dez exemplares en todo o mundo e o Museo Provincial xa dispón de tres, do achádego de Ordes.

Comentarios