Outeiro convértese no epicentro da cultura cun convivio multitudinario

Colectivos de toda Galicia participaron arredor de Manuel María nunha festa de reivindicación cultural
Actuación dunha das corais que participou no Convivio da Cultura Galega
photo_camera Actuación dunha das corais que participou no Convivio da Cultura Galega

O Convivio da Cultura Galega congregou en Outeiro de Rei máis de mil persoas nunha xornada festiva e de reivindicación cultural, coa memoria de Manuel María moi presente e a súa fundación como anfitrioa.

O colectivo Galiza Cultura celebrou un encontro para marcar as liñas de traballo para os próximos meses. Acordaron constituírse formalmente en federación de asociacións culturais e traballar en iniciativas de dimensión comarcal ou autonómica. Entre os proxectos para o vindeiro ano barallaron a celebración do centenario da asemblea das Irmandades da Fala en Lugo, celebrada no 1918.

Mentres os directivos das asociacións marcaban pautas de traballo, o resto dos integrantes participaron nunha ofrenda floral a Manuel María no cemiterio. Despois dirixíronse cara a carballeira de Santa Isabel, onde escoitaron un recital de bandas de música e corais e, a continuación, compartiron xantar. As mil cadeiras dispostas foron poucas para dar servizo a todos os comensais.

Centos de persoas máis se achegaron a desfrutar dos concertos e a foliada, que se prolongou ata a noitiña. Alberte Ansede, da Fundación Manuel María, valorou a grande asistencia e a vontade de todos os colectivos de traballar por iniciativas en común.

Comentarios