Os últimos temporais tiraron parte dun pazo do século XV en Pedrafita

A casa está en Veiga de Forcas, sen uso e moi deteriorada, e ten dous escudos catalogados como ben de interese cultural (BIC)
Parte da casa torre de Veiga de Forcas que se veu abaixo nos últimos días
photo_camera Parte da casa torre de Veiga de Forcas que se veu abaixo nos últimos días

O pazo dos Armesto, en Veiga de Forcas, non resistiu o primeiro temporal do inverno e veuse abaixo. O edificio foi abandonado á súa sorte hai anos e estaba seriamente danado. Tras seis séculos en pé, cedeu ante a auga e o vento das pasadas semanas. O pazo, coñecido como casa torre de Veiga de Forcas, xa existía no século XV. Pertenceu en orixe aos Armesto, aínda que na actualidade é propiedade dun grupo de oito herdeiros que non son descendentes desa familia de fidalgos. Está incluído no inventario de Patrimonio da Xunta e protexido polo seu valor cultural. Era ata hai uns días a casa torre mellor conservada da provincia de Lugo.

Nas súas paredes exteriores loce dous escudos que están catalogados como ben de interese cultural (BIC). Esta distinción obriga aos seus donos a tomar as medidas necesarias para evitar o seu deterioro. No caso deste pazo, a obriga non foi suficiente nin efectiva e a ausencia de coidados ao longo do tempo derivou na súa destrución. Os invernos xa tiñan feito estragos na estrutura do edificio e foi suficiente un día de vento e unhas chuvascadas para botalo abaixo. Un dos oito propietarios do inmoble púxose en contacto co Concello de Pedrafita para iniciar os trámites para declarar a casa en ruínas. O Concello requeriu a documentación necesaria para o procedemento e está á espera dos seguintes pasos que os donos decidan dar.

A Dirección Xeral de Patrimonio indicou que aínda que o pazo sexa declarado en ruína non se autorizará a súa demolición. "O inmoble está protexido e debe evitarse a súa desaparición. Unha hipotética declaración de ruína non conlevaría a demolición, senón as actuacións estritas para asegurar a súa estabilidade e evitar a súa perda, deterioro ou destrución".

Os encargados de garantir esta protección para a casa de Veiga de Forcas serían, segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, os seus propietarios. Nestes momentos, a Xunta non conta con ningunha liña de axudas para realizar tales intervencións neste tipo de edificios.

ÉPOCA DE ESPLENDOR. O estado crítico no que se atopa a casa dos Armesto non di o que foi. O investigador Luis López Pombo conta que no ano 1450 o mosteiro do Cebreiro fíxolles un arrendamento de xurisdición e, a partir de entón, os señores do pazo xestionaban as súas terras e cobraban uns tributos moi elevados aos labradores que as traballaban.

No 1752, segundo os datos de López Pombo, o couto dos Armesto estaba composto por 17 vivendas nas que se incluía a casa reitoral, e 15 familias pagábanlles tributos, concretamente, 240 fanegas de centeo, nove de trigo e outras rendas en concepto de foros. Nese ano, os fidalgos xa non vivían en Pedrafita, senón en Vilafranca do Bierzo, e na casa de Veiga de Forcas só tiñan maiordomos que xestionaban as propiedades.

IGREXA. Os señores de Veiga de Forcas tiñan poder e boas alianzas, ata o punto de atreverse a enfrontarse en diversas ocasións cos monxes do Cebreiro, entón case todopoderosos na zona. Unha das disputas máis soadas foi en 1625, cando Gonzalo Armesto y Ron decidiu derrubar a capela familiar do pazo e construír a actual igrexa parroquial, co beneplácito do bispo de Lugo e a oposición do prior do Cebreiro. O retablo leva as armas da familia e a casa estaba conectada co templo mediante un pasadizo.

Este paso non se conserva, foi eliminado igual que algunhas construcións anexas, pero a de Veiga de Forcas era a casa torre mellor conservada da provincia de Lugo. "Só lle abriron un portalón para que entrasen os tractores e quitaron o pasadizo que a unía coa igrexa, o corpo principal do edificio estaba no estado orixinal", indica López Pombo.

O investigador advirte de que se non se toman medidas as paredes que quedan en pé, nas que aínda se atopan os escudos dos Armesto, é posible que se veñan abaixo e que a historia da casa quede reducida aos libros.

Comentarios