Os roteiros, outro xeito de poñer en alza o patrimonio

Na Terra Chá e nas Pontes existen tres asociacións que se adican a organizar camiñatas nas que descobren os tesouros culturais da zona ▶ O Iescha promove dúas rutas ao ano, Chairega e Por Galicia Adiante, e o centro sociocomunitario está a crear un grupo de sendeirismo
Integrantes do Grupo de Senderistmo O Caxados de As Pontes
photo_camera Integrantes do Grupo de Senderistmo O Caxados de As Pontes

Dar unha camiñada polo monte para pasar un día agradable gozando da natureza e facer exercicio é unha práctica saudable e entretida. Máis aínda se serve para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural dunha comarca. Isto é o que perseguen as tres asociación de roteiros que traballan activamente na Terra Chá e nas Pontes para loitar pola conservación dos recursos da zona, moitas veces esquecidos.

"Queremos dar a coñecer o noso patrimonio e recuperalo, pois temos moitos recursos que se están abandonando", explica Antonio Riveira, presidente da asociación Roteiros do Carba. Esta entidade, creada en Xermade, constituíuse como tal no 2015, pero os seus membros levan máis de doce anos velando polos recursos chairegos. "Eramos unha vintena de veciños apaixonados da natureza aos que nos gustaba pasear. Nestes percorridos démonos conta de que había moitos recursos por explorar e comezamos a investigar", comenta Riveira."A asociación naceu por e para Xermade e leva este nome en homenaxe á serra que discorre polo municipio e tamén para recordar os carballos, árbores moi presentes na nosa paisaxe", precisa.

A entidade organiza camiñadas mensualmente. "Á hora de deseñar un trazado primeiro facemos un estudo en profundidade da zona a base do que xa coñecemos. Na Terra Chá estamos divididos en parroquias e cada unha ten a súa propia historia paisaxística e cultural que na maioría dos casos nin se coñece", comenta Riveira. "Xa visitamos Cazás e en marzo temos pensado descubrir Candamil, unha parroquia pequena pero que garda moitos segredos e elementos de gran valor que non están catalogados", asegura.

O presidente da asociación indica que se tivese que quedarse cunha ruta sería, sen dúbida, a do Batán do Folgoso. "É impresionante, é como voltar dous séculos atrás", di. Roteiros de Pol é a segunda asociación que vela polo patrimonio. "Nacemos hai cinco anos. Eramos uns 60 amigos de toda a provincia que fixemos xuntos o Camiño de Santiago e gustounos, por iso decidimos levar a cabo rutas pola comarca e tamén por fóra", explica a presidenta, Belén Seco.

Hoxe son 76 socios e a súa última saída foi este domingo a Ortigueira. Ademais da importancia de descubrir os recursos paisaxísticos, Seco destaca a confraternización. "Para nós os roteiros son un modo de xuntarnos, pasar un día cos amigos e estar en contacto coa natureza", comenta. A terceira entidade é o club de montaña O Caxado, creada hai máis dunha década por un grupo de afeccionados das Pontes.

Hoxe en día conta cun calendario de máis de 50 actividades anuais en varias disciplinas. "Cando nacemos, eramos 30 amigos ponteses aos que nos encantaba pasear. Agora xa somos 207 socios que practicamos montañismo, escalada e probas de trail»" comenta o presidente, Manuel Doce. Pese ao que medrou o club, Doce asegura que o sendeirismo segue a ser a súa actividade principal. "Contamos cunha gran cantidade de participantes que se suman aos roteiros que organizamos, xuntámonos arredor de medio cento de persoas en cada ruta", comenta, e engade que soen facer dúas por mes e que para eles "é un orgullo ver como avós, pais, fillos e netos gozan da natureza e dos recursos que aquí temos".

Doce indica tamén que "para o club é primordial que as familias saian camiñar, por iso facemos trazados asequibles para todos". Ademais di que, aínda que percorren toda Galicia, valoran sobre todo a súa comarca "porque todos os que creamos este proxecto somos de aquí".

En canto a retos futuros, encantaríalles abrir un rocódromo nas Pontes "para que poidamos gozar doutro tipo de disciplinas aquí, na nosa terra".

VILALBA. O Iescha ten fixados nos seus estatutos a investigación, o estudo, a conservación, a defensa e a difusión da cultura galega. E para este fin ve imprescindible levar a cabo camiñadas pola comarca. "Consideramos que a mellor forma de difundir a cultura é facelo a través do traballo de campo. Saír ao monte, observar os recursos que a nosa terra nos ofrece e que a xente os vexa é fundamental para poder protexela e difundila", explica o presidente, Manuel Castro Santamariña.

Por este motivo, o Iescha fixa no seu calendario anual dúas rutas que contan cunha ampla participación. "Levamos a cabo pola primavera a Ruta Chairega, para dar a coñecer os recursos da comarca e no outono facemos a ruta Por Galicia Adiante, para descubrir outras paisaxes". "Percorrer o monte é o menos importante, o esencial é poñer en alza os tesouros que esconde a nosa terra", conclúe. Á oferta existente vén de unirse unha nova proposta dende o Centro Sociocomunitario de Vilalba, que quere crear un grupo estable de sendeirismo aberto a maiores e a acompañantes, para promover paseos dunha hora por Vilalba e os arredores. A inscrición xa está aberta e as saídas desenvolveranse entre marzo e outubro.

Comentarios