Os inimigos

O filósofo Antonio Escohotado, erudito en drogas, analiza no terceiro volume de 'Los enemigos del comercio' o salto do comunismo do minoritario e teórico ao masivo e pragmático
Enemigos del comercio
photo_camera Enemigos del comercio

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SER CRÍTICO NON lles é tan sinxelo como parece. Precísase ollo rápido e certo coñecemento enciclopédico. Se non se ten o primeiro saen as críticas sen ler os libros, que o lector caza á primeira; se non se ten o segundo, falla o criterio e xorden as aberracións.

Vén isto a conto de que hai un par de meses merquei a terceira parte de Los enemigos del comercio de Antonio Escohotado, volume co que pecha unha triloxía de interese similar á súa xa mítica Historia general de las drogas, un libro que debe figurar en toda biblioteca pola súa erudición. Como xa coñecía ao autor e os dous volumes anteriores mergulleime na lectura con pracer inmediato e tirei unha serie de conclusións que repousaron nos meus pobres miolos por un tempo.

Hai só uns días atopei un deses artigos sobre libros que andan pola rede con título efectista: Libros de dereitas para xente de esquerdas e libros de esquerda para xente de dereitas. A pouco morro da risa cando vin que o primeiro libro de dereitas para a xente de esquerda era o de Escohotado, un autor que se ten posicionado no socialismo democrático e que cando lanza críticas contra unha posición ideolóxica ou filosófica determinado faino dende unha posición de honradez intelectual ben coñecida.

Neste terceiro volume analiza o sabio os momentos nos que o comunismo saltou do minoritario e teórico ao masivo e pragmático. Quizais por sorte para el, Karl Marx nunca tivo que dirixir un estado baixo os ditados da súa filosofía económica e da historia. Aquilo quedou na man de Lenin, que aplicou a NEP non por convencemento, e de Stalin, que quixo eliminar o comercio con desastrosos resultados. Só na parte final da súa obra sae Escohotado do ámbito da URSS para chegar a experiencias de impacto moito menor coma o socialismo latinoamericano.

A solvencia intelectual do autor quedaba fóra de toda dúbida para min xa denantes de comezar a lectura. Porén detéctase un toque de improvisación neste final da triloxía. Os argumentos son bos e coherentes pero hai unha evidente falla de investigación. As fontes non se escolleron de xeito crítico senón coa fin de avalar teses prefixadas froito da reflexión de Escohotado. Un exemplo claro é a visión que se ofrece da Guerra Civil Española, que segundo o autor se perdeu porque Negrín entregou á Unión Soviética as reservas de ouro do Banco de España, o que provocou o afundimento da peseta. Semellantes argumentos quedaron desmontados hai anos polas investigacións de Ángel Viñas e Enrique Moradiellos, pero son os que mellor acaen á liña argumental do autor e por iso tira deles a pesares da falsidade histórica.

A pesares disto, a lectura pode afrontarse con certo entusiasmo. A prosa de Escohotado brilla como case sempre e consegue aclarar cuestións en moitos casos de grande complexidade. E se un colle os argumentos cun gran de sal, pode gozar da súa heterodoxia. Poucos intelectuais poden falar dun tema sempre espiñoso, criticalo e non caer no odio partidista ou a deformación absurda.

É evidente que para o autor o comunismo soviético supuxo un salto cualitativo negativo e que os inimigos do comercio demostraron estar errados, xa que sen intercambio non existe posibilidade de construír unha sociedade cun mínimo benestar. Tamén que é sinxelo relacionar a aplicación soviética deste ideario con sectas relixiosas que propugnaron un comunismo de base espiritual só posíbel en pequenas comunidades. Non obstante isto non conduce a unha defensa irracional das posicións neoconservadoras ou dun liberalismo hayekiano senón a algo máis semellante ao libertarismo tal e como se pode entender en Europa fóra dos movementos anarquistas.

Comentarios