Os campos da feira renóvanse para seguir sendo referencia

Os concellos apostan por acondicionar as infraestruturas dos mercados para potenciar o comercio tradicional na comarca. Galpóns, baños públicos, cubertas e aparcamentos son algunhas das melloras coas que contan na actualidade estes espazos
Mercados de Vilalba
photo_camera Mercados de Vilalba

O século XXI chegou para modificar os hábitos de consumo dos chairegos (de todo o mundo, máis ben). En pleno 2015 e camiño de 2016, o vocabulario cotián está cheo de ‘black fridays’, ‘cyber mondays’, Ikeas, Aliexpresses, Primarks ou centros comerciais cuxa superficie se mide xa en campos de fútbol. Porén, emulando a aquela aldea de irreductibles galos que resistía (aínda e sempre) ao invasor, existe un lugar afastado do remuíño globalizante que conserva os valores tradicionais da compravenda galega: as feiras.

Os campos da feira foron o principal punto de encontro veciñal durante moitos anos, lugares non só para mercar e vender, senón tamén de reunión e de ocio. Moitos destes emprazamentos sufriron durante anos o abandono e deterioro propio do cambio nos hábitos de consumo que se mencionaron con anterioridade, porén nos últimos tempos tanto concellos como asociacións veciñais impulsaron a recuperación destes espazos senlleiros e a consolidación de eventos para que se manteña a súa función primixenia.

Un exemplo desta recuperación atopámolo no concello de Castro de Rei, cunha actuación que está en pleno proceso de execución. A través dun obradoiro de emprego da Xunta de Galicia, estanse a restaurar e a rehabilitar os postos do antigo campo da feira de Castro Ribeiras de Lea. Segundo explicou o alcalde do municipio chairego, Francisco Balado, estes traballos poderían estar finalizados a finais do próximo mes de xaneiro.

Outro Concello que aposta pola renovación dos espazos adicados ao mercado é Guitiriz, cuxas feiras gozan dunha saúde envexable. En Parga, hai xa varios anos que o recinto lavou a súa faciana: "Recuperáronse os cobertizos do campo da feira. Houbo unha limpeza das instalacións, e retiráronse as pedras que caeran polo paso do tempo", explicou Regina Polín.

A rexedora recoñeceu que quere dar un paso máis na melloría das infraestruturas municipais: "Estiven recompilando información e hai anos había uha feira nos Vilares, onde aínda queda algún alpendre. A medio prazo gustaríame tamén, se se pode, rehabilitalos", asegurou a alcaldesa.

A Pastoriza tamén traballa para que Bretoña continúe sendo un mercado de referencia: "Estase rehabilitando un pequeno espazo e, sobre todo, un local para que a xente o poida empregar para o que necesite, como para comer, por exemplo", asevera o alcalde pastoricense, Primitivo Iglesias, que confía en que as obras estean finalizadas antes de que remate o presente ano.

Gontán, en Abadín, pode presumir de campo da feira. O Concello vén de rematar as obras do acondicionamento deste espazo, que se estrenaron na concorrida Feira de Santos: "Puxéronse baños públicos novos, delimitáronse as prazas de aparcamento e actuamos na nave onde están os cochos, cerrándoa e revestindo o recinto polos lados. Tamén se instalaron infraestruturas metálicas que se empregan para aparcar as bicicletas", comenta a tenente de alcalde de Abadín, Patricia Fraga.

Unha das maiores renovacións realizadas nos últimos tempos foi a do campo da feira de Vilalba. Como explica o rexedor vilalbés, Gerado Criado, "non se parece en nada ao que había".

Foron varias as intevencións que se executaron entre 2014 e 2015 na capital chairega: "Empregamos aproxidamente 200.000 euros para acometer unha reforma integral nos 8.000 metros cadrados dos que consta o campo da feira. Reformamos completamente o chan e púxose unha capa de aglomerado en quente á metade da superficie. Mellorouse a iluminación, fíxose un repintado e adecentamento do perímetro e a última das actuacións consistiu en mellorar dous galpóns onde se come o polbo", asegura Criado.

"Temos que ter en conta que o campo da feira de Vilalba non é o típico que se emprega unha vez ao mes. Contando os días de mercado e os da feira, e engadíndolle ademais que o aparcamento se emprega cada vez que hai un evento no pavillón, constatamos que a metade do mes está a ser empregado", recalca o rexedor, que adiantou que para o ano que vén "ampliaranse as zonas de aparcamento en máis de 400 prazas".

E se foron importantes as melloras en Vilalba, non o foron menos no recinto do campo de Feira do Monte, unhas obras que foron definidas polo propio alcalde de Cospeito, Armando Castosa, como "a actuación, desde o punto de vista urbanístico, máis importante da historia de Cospeito".

"Non quedou nin un só metro cadrado sen renovar", engade Castosa. A reforma do campo da feira levouse a cabo durante varias fases: "Primeiro remodeláronse os galpóns onde antigamente se gardaba o gando. Agora hai dúas edificacións cubertas con teito de pizarra e divididas en stands. Aos galpóns engadímoslle dous anexos, unha zona de aseos e baños e tamén unha zona de recepción e oficinas de radio e televisión para os días de feira. Despois remodelamos unha superficie de 1.000 metros cadrados onde había edificacións vellas e agora é un espazo agradable, dotado de mobiliario. Do mesmo xeito, construímos unha pista multifuncións e outro espazo para gozar da gastronomía das feiras, esencialmente pulpo", enumera o rexedor.

Outra das actuacións que se pretende finalizar nos próximos tempos é a do local do polbo da Fraga, nas Pontes. O concello pontés investirá 156.000 euros en modernizar as instalacións e gañar máis espazo. Así, renovarase a cuberta, pecharase a zona da grella e cubrirase a construción porticada anexa. O chan e os aseos veranse mellorados tamén.

Con menos recursos, pero idéntica enerxía pola dinamización dos espazos, atópase Muras. O municipio chairego vén de inaugurar un evento -a Feira do Mel- proxectado para quedarse, por eso e porque unha instalación forte favorece o desenvolvemento de actividades nela, o Concello confía en mellorala a curto prazo: "A idea que temos é, para o ano que vén, recuperar o espazo que temos no Viveiró. Queremos rehabilitar a praza, restaurala e poñela en condicións, e a partir de ahí proxectar o que podemos facer nela", asegura Manuel Requeijo, máximo mandatario municipal murense.

No Concello de Meira, o anterior goberno municipal realizou unhas obras de mellora dos barracóns onde se come o polbo entre os anos 2012 e 2014. Estas obras consistiron na colocación de ventás e a renovación das portas para evitar correntes e espazos abertos no interior.

Mosteiro, capitalidade municipal do concello de Pol, viu hai uns anos mellorado o seu campo da feira: "Fíxose unha caseta que se emprega para comer o polbo, e ao lado do campo da feira, construíuse un parque infantil para que poidan xogar os nenos pequenos", asegura o alcalde Lino Rodríguez.

O movemento veciñal tamén supón un elemento moi importante para que estes lugares de reunión mercantil evolucionen co paso do tempo. Sen ir máis lonxe, en Begonte, na parroquia de Gaibor, o notable aspecto que presenta o seu campo da feira ten que ser atribuído aos veciños, como ben explicou o alcalde José Ulla: "A rehabilitación correu a cargo da asociación de veciños. No campo hai uns cobertizos, arranxáronos e tamén os relousaron o ano pasado", explica o rexedor.

Comentarios