Opinión

Os basquiños e o Estado

BASQUIÑOS É o nome que receberon e receben os naturais de Euskadi -nación irmá- que chegan a Santiago polo cami- ño francés. Estou certa de que este é o único lugar do mundo onde se aplica un diminutivo cariñoso para nomear os barís euskaldúns que, noutros lugares, tan mal recebidos son.

Anda o mundo español francamente alporizado. Que negociación fixo o Presidente do Goberno Español, srseñor Raxoi, para máis sinais galego, co goberno basco!!! Negociou o apoio aos Orzamentos dos 5 representantes no Congreso dos Deputados pertencentes ao PNV, a cambio dunha actualización do cupo basco e polo tanto da relación Euskadi-Estado no referido a financiamento e relacións mutuas de intercambio de fondos. Opinamos que o sr. Raxoi fixo o que debía facer, e ademais seguiu ao pé da letra a súa máxima: a lei é a lei e hai que a respeitar. Primeira lei: a Constitución: Disposición Adicional Primeira (textual): "A Constitución ampara e respeita os dereitos históricos dos territorios forais. A actualización xeral do dito rexime foral levarase a cabo, no seu caso, no marco da Constitución e dos Estatutos de Autonomía" (fin da cita).

Segunda lei: o mandato como presidente obrígao, en cumprimento das funcións do seu cargo, a levar a termo todas as accións conducentes ao aprobado en sede parlamentar, do orzamento anual, instrumento legal imprescindíbel para o funcionamento dun Estado de dereito.

Terceira lei: Dadas as atribucións do goberno basco executoras dun Estatuto de Autonomía que foi adquirindo novas competencias -outra vez no marco da Constitución-, o monto que é preciso entregar ao Estado vai en diminución, en lugar de ser fixo ou crecente.

Cuarta lei, unha lei material case física: o peso esmagadora da minoría parlamentar en Cortes que obriga a pactar e a non arrometer.

Última evidencia: a historia. O rexime foral non o inventou nen o PP, nen a Constitución Española nen o PNV. Fixémonos ben no texto da Constitución: Amparar e respeitar os dereitos históricos dos territorios forais. En tempos de Franco non deixaron de ser forais e grazas ao camiño que levan de defensa do proprio, van durar máis que a Constitución. Os foros non son privilexio: son o afortunado resultado dunha convivencia acordada entre unha nación e un estado mal amalgamado. O único aspecto negativo para nós é a imaxe espellada de nós mesmos. Se tivésemos máis competencias, teríamos máis capacidade (lembremos, desde hai máis de 8 anos, nen unha nova) de decisión e de gasto. Se houbese desexos de traballar mellor, teríamos elaborado e consensuado plans estratéxicos de acción municipal, iso si, despois de ter racionalizado a planta institucional galega adecuada ao século XXI. Se realmente nos parecese importante non estragar fondos en gastos absolutamente prescindíbeis, por suntuarios, rituais e/ou mantedores da superstición, non os aprobaríamos. Se estivésemos descontentes co goberno dos nosos intereses por intermediación do goberno autonómico, do central ou mesmo dos municipais, habería outro contido persoal nas institucións.

En fin, ensaiemos a non nos queixar, e a colaborar no goberno, empezando por nos gobernar a nós mesmos.

Comentarios