Oliver Laxe: "Cannes falará en galego de Lugo con 'O que arde'"

A película rodada nos Ancares proxectarase na prestixiosa sección Un Certain Regard. Navia de Suarna foi o eixe da rodaxe deste "documental creativo" sobre un pirómano

Oliver Laxe. EP
photo_camera Oliver Laxe. EP

"Cannes falará en galego de Lugo". Así de eufórico se amosa Oliver Laxe nun correo electrónico a Jaureguizar nada máis confirmarse que a súa película O que arde competirá no Festival de Cannes, que se celebrará do 14 ao 25 maio, na prestixiosa sección Un Certain Regard coa súa terceira longametraxe.

Oliver Laxe declárase "moi, moi contento" ante a boa nova do seu regreso ao certame que o consagrou co premio da Semana da Crítica a Mimosas e coa volta ás súas orixes familiares en Vilela, en Navia de Suarna. "Esta vez con moita máis visibilidade que coas anteriores", sinala o cineasta.

"O que arde é unha película ao redor do lume e da soidade no rural", explica. A película, a primeira que filma en Galicia, é "un documental creativo" sobre os incendios. O argumento susténtase nun "pirómano que sae da casa e volve á casa".

Laxe, nacido en París pero criado no barrio da Gaiteira na Coruña, buscou as paisaxes dos seu avós para ambientar un melodrama que pretende "conmover o público con dous personaxes, o home e a súa nai".

Confesou Laxe nos días previos á rodaxe de O que arde que o seu obxectivo con esta película era sacar o seu lado "máis provocador" ao intentar redimir a un personaxe "vilipendiado e demonizado".

Porén, sostivo que non quere "xustificar os seus actos, simplemente entendelos; a min non me corresponde xulgar". E, neste senso, puntualizou que pretende "entender que se esa persoa provoca sufrimento é porque sofre á súa vez. Quero que o espectador entenda iso e despertar nel sentimentos de indulxencia, perdón, misericordia, amor....".

Porque Oliver Laxe é da opinión de que "o amor é, basicamente, entender que o que provoca sufrimento é porque sufre á súa vez".

O que arde (Viendra le feu, no seu título en francés) rodouse principalmente no concello de Navia de Suarna, pero tamén en localizacións de Monterroso, Monforte, Becerreá, Cervantes, Lugo e Viveiro.

Unha película "pequeniña" en palabras do seu director, que contou con axudas da Agadic, a Deputación de Lugo e tamén do Fondo Eurimages, que aportou 200.000 euros para o filme de Laxe, unha coprodución entre España (48,41%), Francia (31,46%) e Bélxica (20,13%).

Oliver Laxe, que tamén presentou no festival francés Todos vós sodes capitáns, tentará unha vez máis manter o seu idilio co Festival de Cannes, que só en tres ocasións premiou a realizadores españois na Semana da Crítica. Antes ca el, os elixidos foron Icíar Bollaín por Flores de otro mundo e Antonio Méndez Esparza por Aquí y allá.

Agora tratará de acadar o premio de Un Certain Regard, unha sección donde tamén competirá outra película española: Liberté, de Albert Serra, un filme rodado en alemán, francés e italiano, que se desenvolve na Francia de finais do século XVIII e que conta no seu reparto con Ingrid Caven e Helmut Berger.

O catalán Serra, ao igual que Oliver Laxe, xa sabe tamén o que é presentar un filme no festival francés. Hai tres anos levou La mort de Louis XIV.

Comentarios