Olga Iglesias: "Teremos centro de interpretación de Cova Eirós no 2020 e mellorado para o Xacobeo"

A alcaldesa de Triacastela ten moitas esperanzas postas na creación dun centro de interpretación sobre o xacemento de Cova Eirós e o Paleolítico das Serras Orientais porque, segundo asegura, atraerá novos visitantes a este concello, ofertará un recurso máis para o peregrino e, a través del, promocionará esta zona da provincia "cara todo o mundo"

Olga Iglesias. VILA
photo_camera Olga Iglesias. VILA

PARTIDARIA DE aumentar a distancia para obter a compostela, Olga Iglesias aposta tamén por dar a coñecer a Serra do Oribio e aspira a crear un pequeno polígono e a remodelar a praza do Concello.

Como valora a recente declaración de Cova Eirós coma BIC?

É algo que estabamos esperando dende o Concello. A Xunta tamén leva tempo apostando pola cova financiando as escavacións. Para nós, que presentaremos ao GDR o proxecto de Centro de Interpretación de Cova Eirós e Paleolítico das Serras Orientais, é moi importante e estamos moi contentos.

Está garantida a protección da cova fronte á actividade mineira?

Patrimonio xa puxera unhas medidas de protección, de xeito que non pode avanzar a explotación cara á cova. Dende a declaración inicial de BIC de hai dous anos hai un programa de control e monitorización no que teñen que rexistrar as vibracións. Creo que está moito máis protexida que antes.

Un xulgado anulara a licenza da canteira concedida polo Concello, que recorreu. En que fase está?

De momento o TSXG non resolveu. A empresa (Cosmos) segue traballando parte do ano porque a sentenza non era firme, pero con todas as medidas de protección.

Falaba do centro de interpretación de Cova Eirós. Cando verá a luz?

O importe do proxecto será duns 75.000 euros. Presentámolo ao GDR e podemos ter unha subvención de ata o 90%. O ano que vén poderemos ter centro de interpretación na Casona, xunto ao albergue público, e por suposto para o Xacobeo tamén, e mellorado. Esperemos para ese 2021 poder ter unha réplica da cova feita.

Curiosidades O bisavó de Camilo José Cela era de Meizarán
O bisavó paterno do premio Nobel Camilo José Cela era natural de Meizarán, na parroquia de Lamas do Biduedo. Dende a década dos 90, unha das rúas da vila leva o nome do destacado escritor, en cuxa honra o Concello inaugurou recentemente unha pequena bibliioteca. "Foi un xerme que queremos seguir aumentando porque cremos importantísimo que se vincule Triacastela a Camilo José Cela, non en van este apelido é orixinario de Meizarán", sinala a alcaldesa.

Nexo con Guadalajara
Tanto o fillo do Nobel coma seu irmán Jorge visitaron Triacastela con motivo da apertura desta sala adicada ás obras de Camilo José Cela e, segundo explica Olga Iglesias, pedíronlle ao Concello unha réplica da placa que loce nesta biblioteca para exhibir nunha fundación que abrirá en Guadalajara.

Códice Calixtino
Triacastela xa figura no Códice Calixtino como final de etapa do Camiño de Santiago. Dende 1965, o concello conta cun monumento ao peregrino.

Outro dos potenciais que ten Triacastela é a Serra do Oribio. Teñen algún proxecto para aproveitala?

Dende o 2011 apostamos pola carreira Terremoto Trail para poñela en valor. A maiores, este ano arranxamos unha ruta de sendeirismo ata a capela de San Mamede e queremos facela circular cunha axuda de Medio Ambiente.

Hai un parque eólico en marcha e outro en previsión. Como lle repercutirán ambos ao concello?

Montes de Abella case se rematou de construír. Os donos dos terreos recibirán unha renda, para o Concello vai supoñer un incremento de ingresos e os accesos quedan arranxados. Polo que respecta ao parque do Oribio, aínda non presentou licenza. A Xunta obrigoulle a facer unha modificación na liña de evacuación polo Camiño.

Que sería de Triacastela sen esta ruta de peregrinación?

Que nun concello de menos de 700 habitantes poidas encontrar ata 400 camas para durmir só é comparable a un concello de costa no verán. Para nós é importantísima a cantidade de postos que xera. Agora creo que lle temos que dar unha volta ao pobo e nestes catro anos vai ser o momento.

Por onde vai ir ese proxecto?

Creo que é moi importante adecuar a praza do Concello e abrila cara ao río. Que o peregrino recorde que pasou por ela por ser bonita, co Oribio ó fondo. Logo na saída do Camiño cara a Balsa temos que facer un proceso de humanización. Tamén espero que o Goberno central que saia das urnas permita seguir adiante co proxecto de restauración na Balsa, na contorna da súa capela, que son máis de 400.000 euros. Queremos que o licite xa.

Falando do Camiño, é vostede partidaria de ampliar a distancia de cen quilómetros que se precisa para conseguir a compostela?

Por suposto, creo que cinguir a compostela a só cen quilómetros está privando á xente de coñecer unha das partes máis auténticas e xenuínas do Camiño Francés, que é a que vai dende o Cebreiro ata Sarria. Non sei se xa debería empezar antes do Cebreiro, pero paréceme que a xente se está enganando ao empezar só en Sarria.

Que se pode facer para dinamizar a economía dun concello de montaña de tan só 643 habitantes?

Temos o Camiño, a gandaría e outra pata que queremos é un pequeno polígono para que empresas que hai aquí, con máis de 15 traballadores, poidan medrar e tamén se vén algunha de fóra. Propoñemos a zona de Chaos, xunto á LU-633. Outra forma é xerar emprendemento. Unha rapaza vai montar unha Casa Niño e imos adecuar unha escola en Vilar para cederlla a alguén que queira facer unha Casa do Maior.

"Gardo estupendos recordos dos sete anos no Congreso"
Como compatibiliza a alcaldía co seu traballo como xefa territorial de Medio Rural?

Eu nunca cobrei soldo da alcaldía, só as dietas por asistencia a plenos e xuntas de goberno, que non pasan de 700 euros ó ano. Compatibilizo traballando sábados, domingos, festivos, mañás, tardes e madrugando moito.

Bota algo en falta da súa etapa como deputada no Congreso?

A min gústame a política e moito a nacional, pero creo que o meu espazo agora está aquí na municipal, no meu concello e ao lado da miña familia. Gardo uns estupendos recordos dos sete anos que estiven no Congreso, síntome moi honrada de ter sido deputada pola provincia e creo que trouxen cousas como poden ser esas actuacións en municipios do Camiño Francés. Agora estou aquí a tope, intentando situar Triacastela dunha vez por todas no mapa.

Como doutora en Veterinaria, pode desvelar por que hai tantos veterinarios en política?

A provincia é eminentemente gandeira e hai moitos veterinarios. Á fin temos as nosas inquietudes e sentímonos orgullosos de que haxa veterinarios en política, sexan do partido que sexan.

Hai pouco celebrouse o Día da Muller. Considérase feminista?

Considérome feminista porque reivindico o papel da muller exactamente igual có home, ademais iso foi o que nos ensinou miña nai a min e miña irmá. Tamén temos que avanzar en conciliación laboral e familiar. Fun a primera deputada que votei telematicamente no Congreso a raíz do embarazo.

Comentarios