Obituario: Falece o pai do ex futbolista e adestrador Gonzalo Edrosa

José Antonio Edrosa, que será soterrado este sábado na Pastoriza, tiña 79 anos

A igrexa parroquial de San Martín de Corbelle acollerá hoxe, ás sete menos cuarto, o último adeus a José Antonio Edrosa López, falecido o xoves aos 79 anos e que será enterrado no cemiterio da súa parroquia natal. En San Martín de Corbelle naceu e viviu a maior parte da súa vida Jose Antonio Edrosa, con excepción dos anos, na década dos 70, nos que emigrou xunto á súa muller, María Lines Portelo Otero, a Suíza. O matrimonio rexentou unha taberna e dedicouse a labores agrícolas en terras pastoricenses. Nelas naceu o seu fillo, Gonzalo Edrosa, funcionario do Ministerio de Medio Ambiente e xogador do CD Lugo durante 13 anos e adestrador durante 8, a metade no primeiro equipo e os outros 4 no xuvenil. José Antonio, un home traballador que deixa unha pegada indeleble entre quen os coñeceron, ten dous netos, Lucía e Gonzalo (xogador do Vilalbés de Terceira), froito do matrimonio de seu fillo con Mónica Anllo, profesora do Ceip da Pastoriza.

Comentarios