O zoo máis lóxico, Portocelo empedrado

A costa de Xove ofrece na súa punta setentrional unha paisaxe na que se xuntan mar, vento, toxo e pedra. Os tres primeiros elementos modelaron a rocha con singulares formas de animais
O Faro da Roncadoira e á dereita, a figura de As Osiñas
photo_camera O Faro da Roncadoira e á dereita, a figura de As Osiñas

Distintas formas das rochas en Xove

"Galicia é o que vemos/ a terra, o mar o vento/ pero hai unha Galicia que vai no sentimento!/ Galicia somos nós/ a xente máis a fala/ se buscas a Galicia/ en ti tes que atopala". Estes versos do poeta Manuel María -no seu poema Os soños na gaiola- están escritos nunha pequena praca que se sitúa no cumio do monte Castelo de Xove e representan a filosofía máxima que se invoca neste enclave: a paisaxe en si mesma é espectacular, pero se hai algo que lle dá unha maior vida aos lugares é o xeito no que as persoas disfrutan deles e o xeito no que os denominan.

A etimoloxía do cotiá foi a que levou aos locais e visitantes do cabo máis setentrional de Xove a denominar As Osiñas a un conxunto de pedras que se perseguen, O rinoceronte a unha rocha cunha das puntas moi afiada ou o pingüino a unha capa de estrato que semella botarse ao mar. Este exemplo práctico dos últimos anos leva a confirmar que a creación e a xerminación de realidades e lendas non só é cousa do pasado senón que é algo totalmente presente.

O conxunto de seres de pedra arriba enumerados e localizados constitúen así o zoolóxico de Portocelo. A realidade do lugar invita a pensar que quizabes incluso mellor, pois aquí non hai cancelas nin redes... tamén é verdade que os animais non se van mover. O que é seguro é que o aumento de animais na zona dependerá da imaxinación dos seres humanos.

As ruínas de San Tirso, os acantilados de Morás ou a praia de Muiñelo son outros enclaves idílicos situados neste litoral

FARO. O moi coñecido e cada vez máis visitado faro Roncadoira é o primeiro hábitat para estes curiosos animais. Si se chega conducindo ou camiñando dende o pobo de Vilachá, hai que deterse na Pena Cabaleira. Esta rocha, de considerables dimensións e nombramento descoñecido, chama a atención pola virtuosidade das súas formas redondeadas. Se se baixa uns poucos metros máis e se olla á esquerda do faro, pódense albiscar tres pedras subindo cara o foco, unha máis grande rodeada doutras dúas máis pequenas, son As Osiñas.

Débese chegar ao aparcadoiro do mesmo faro para observar o segundo animal desta particular peregrinaxe. Xusto á esquerda, unha punta afiada e unha concavidade perfectamente definida e outro saínte da rocha pode facer ver un pingüino.

CASTELO. A sinalización do Camiño do Cantábrico á beira da pequena estrada que leva ao faro indica a existencia de varios camiños, un deles o sendeiro que sube ao monte Castelo. Un de tantos montes castelos, pois a posición privilexiada destas elevacións no terreo fainas proveitosas para a defensa dunha importante residencia. Este camiño, que é rozado cada certo tempo por operarios municipais, ascende entre abundantes toxos e, neste tempo, "herbas das merendas". É aconsellable acudir con zapato axeitado para non sufrir ningún percance.

A páxina de Facebook Xove Turismo difunde dende hai máis dun ano algúns dos recunchos máis especiais e agochados do concello


Non é o máis doado pero ollando a un e outro lado tamén se poden observar outras dúas figuras: un rinoceronte e un tiburón. O primeiro máis sinxelo mentres se sobe e o segundo máis evidente mentres se baixa. E no cumio de todo, está O ollo do demo.

BANCO. A moda das fotos en bancos -comezada polo de Loiba, xa na costa coruñesa- ben podería chegar calquera día ao situado no lado leste do monte Castelo e con amplas vistas á punta Merixe ou á Illa de Sarón.

Xusto ao pé deste asento de madeira atópase a denominada Pena Sombreireira, pola cobertura que a mesma fai. Hai quen identifica o lugar coma unha boca de balea.

ENTORNO. A parroquia de Portocelo non é a única de Xove que sorprende pola virtuosidade da súa costa. A tranquila praia de Muiñelo, cercana á de Esteiro ou a de Coído; as ruínas da igrexa de San Tirso; o miradoiro de Sucastro a Illa de Sarón os xigantes e descoñecidos acantilados de Morás ou mesmo a fraga dos Dolos, tamén en Morás, son algúns dos abraiantes e surrealistas espazos do municipio.

Comentarios