O trapeiro

NUNCA PUIDEN LER O POEMA de José de Parada, personaxe que aparece no máis significativo libro de Novoneyra,'Os Eidos', sen lle poñer o rostro do señor Pedro, o trapeiro dos Vilares de Guitiriz que botou case toda a súa vida a percorrer as terras montesías do sur de Lugo: Incio, Courel e Samos sobre todo:

Vai o José de Parada
atravesando il solo
a Devesa do Rebolo.
Cabalgando vagariño
cruza a terra do viño
cara Viana do Bolo.
Deixa a serra pasada.
Leva a alma asiñada
ca mágoa do camiño.

O señor Pedro non cabalgaba, camiñaba a pé a tirar do ramal dun burro sen nome. No lombo do animal ía un caixón de madeira e un fardel de trapos vellos sempre a medrar, até estar de regreso no Val do Mao. Alí, nun dos garaxes da nosa casa, tiña o almacén. Lembro a tentación infantil de xogar, desfacéndoa, sobre a morea de farrapos. Lembro a prohibición dos nosos pais, alarmados pola posibilidade de pillarmos unha infección, porque os calcetíns de la rotos, as camisas de estopa remendadas, ou os vellos refaixos, non estaban precisamente limpos.

O caixón, perfectamente organizado en andeis superpostos, era algo máxico para a rapazada das aldeas que o home sementaba de xaculatorias, porque era moi relixioso. E tamén dunhas palabras que sempre repetía coma un 'mantra': "Moito hai que loitar coas mozas de todos os tempos e idades". A mercadoría que trocaba por farrapos e/ou moedas consistía en agullas, fío, xabón Bilore e Heno de Pravia, aros para as orellas, navallas de afeitar e das outras, coitelas Palmera, harmónicas do Fado Portugués, espellos de man que tiñan no reverso apegadas fotos de artistas…, e outras miudezas polo estilo. Alén diso, tamén furaba as orellas e levantaba a 'paletilla'.

Custa entender que o seu fose un oficio rendíbel. Á fin e ao cabo o volume do negocio era tan pequeno coma o caixón e a exigua cantidade de trapos que podía cargar no burro. Mais o home non gastaba outra cousa que os zocos, porque en todas partes o acollían e hospedaban como se fose da familia. Seica fixo unha pequena fortuna. Seguramente nos últimos tempos, máis que a dos cartos, movíao a paixón do camiño.

Os netos do señor Pedro son prósperos empresarios en Barcelona. Endexamais negan as súas orixes porque teñen a orgullo seren os netos do trapeiro. Sei que un deles mesmo exerce o mecenado con pintores e ten unha interesante colección de cadros. Seguramente bos, mais non tanto como os das paisaxes que o avó levaba nas pupilas: O ciclo das estacións nos eidos de Novoneyra.

Agora, que eu saiba, xa non se reciclan os trapos vellos. Só a recollida de chatarra ocupa a algunhas persoas nun traballo dos menos valorados. O de farrapeiro queda nos contos e na biografía de certos personaxes. Por exemplo Kirk Douglas, o pai do tamén actor Michael Douglas. 'O fillo do trapeiro' é o título da súa autobiografía. Desde ese humilde punto de partida, relata a súa superación persoal.

Comentarios