O ritmo da noite

As discotecas de Lugo moven centos de persoas cada fin de semana. A festa sempre é ben acollida e hai para todos os gustos
Público na pista de Hermo no día da reapertura. EVA VEIGA
photo_camera Público na pista de Hermo no día da reapertura. EVA VEIGA

AS DISCOTECAS de Lugo volven dar que falar. Coa reapertura dun par de salas míticas quedou demostrado que había público ansioso de música disco, de bailar baixo unha chuvia de luces, de copas a altas horas e dun lugar onde pasar as fins de semana cos amigos.

Nos últimos anos, estes locais de ocio nocturno estaban en decadencia por motivos variados: crise económica, cambio de hábitos de ocio da xente, problemas de xestión... Por unhas cousas ou por outras, o público habitual deste tipo de salas quedou desamparado e restrinxido a un par de locais que funcionan con moito éxito na cidade de Lugo.

A súa sorte cambiou este outono. Dúas discotecas de renome, Hermo en Muimenta e Exágono en Lugo, reabriron as súas portas con programación continua para os venres e os sábados, respectivamente, e completan deste xeito a oferta que xa viñan presentando as salas Zouk e Morango en Lugo, cada unha dirixida a un tipo de público diferente e especializada nunha música ou espectáculo determinados.

Hermo volve á actividade os venres, con buses á carta para os clientes que soliciten transporte

A festa sempre foi benvida e, para gustos, hai propostas. A boa resposta de público que están tendo estes negocios revela que faltaba oferta no panorama do ocio lucense ou, polo menos, unha variedade que abarcara todos os públicos interesados por este tipo de diversión.

O SANTUARIO DE MUIMENTA. Desde que a discoteca de Muimenta abriu as súas portas en novembro, cada venres, centos de persoas de todos os recunchos da provincia de Lugo e doutras limítrofes peregrinan ata esta parroquia de Cospeito para recibir a súa dose semanal de festa e recargar enerxía para os vindeiros sete días. A maioría son rapaces novos, que non teñen recelo en desprazarse os quilómetros que faga falta co único fin de desfrutar da música e o ambiente que lles gusta.

O novo xerente da discoteca, Daniel Veiga, máis coñecido como Plenario, facilítalles moito as cousas. Cada venres, dispón vaios autobuses con destino a Hermo. As liñas deséñanse á carta, en función da demanda dos clientes, que teñen á súa disposición un número de teléfono para solicitar transporte. "O teléfono aténdoo eu persoalmente", explica Plenario, "e poñemos tres ou catro liñas de buses cada semana". Recoñece que esta xestión dá traballo, porque hai que coordinar todas as solicitudes e deseñar o percorrido máis axeitado para cada autobús, pero o esforzo paga a pena con tal de ter contentos os clientes.

José Expósito Xerente de Zouk e Morango
"Cando empezamos con Morango chamáronme tolo por abrir nun parque empresarial e foi perfecto"

"Eu son optimista, xa contaba con que o negocio fora ben, pero a xente está respondendo de marabilla e ata estou sorprendido", confesa o novo xerente. "Tiñan gana dun cambio de aires. Hermo é unha discoteca histórica, pero nos últimos tempos estaba de capa caída. Abría esporadicamente, seis ou sete veces no ano, e así é imposible fidelizar un público", explica Plenario.

CLIENTES SATISFEITOS. . Pero a verdade é que os seguidores de Hermo estaban ansiosos por ter un motivo para volver. Francisco Veiga é un exemplo. Este mozo da Pontenova desprázase ata Muimenta sempre que pode para desfrutar dunha noite diferente.

"Nesta zona non había moito onde ir os venres e Hermo é unha boa opción", comenta. Para el, a música é o gran atractivo da sala. "A min gústame a música electrónica e a Hermo veñen DJs moi bos, con proxección internacional. Aquí a xente non os valora como merecen, pero se os pos no Levante hai colas para entrar. Hai que agradecerlle ao novo xerente o traballo que está facendo por dar a coñecer este tipo de música".

Exágono cambia a data de apertura para os sábados e non funcionará no verán

O que si valora moito a xente, en especial os veciños de Muimenta, é a dinamización da zona que vai aparellada á reapertura deste negocio. Na discoteca de Muimenta traballan unhas 20 persoas cada venres e na contorna da sala xa abriron tres bares no último mes. "A xente de Cospeito está moi contenta. Os restaurantes van servir ceas, os bares van ter clientes e que haxa movemento de persoas sempre é bo para todos", razoa Francisco Veiga.

Este mozo valora tamén o servizo de autobuses que ofrece a discoteca, aínda que non o utiliza por cuestión de horarios. "Eu vou con tres ou catro amigos e turnámonos para levar o coche. Os buses non saen ata que pecha a discoteca e eu ás veces teño que volver antes porque traballo ao día seguinte. Pero o bus sempre é mellor opción que o coche, non só porque permite beber alcohol, senón porque non te arriscas a un accidente".

A SALA MÁIS ANTIGA. A outra novidade deste outono foi a reapertura de Exágono en Lugo. Neste caso, son os seus propietarios os que recuperaron o negocio que tiñan alugado e lle deron un cambio de xestión. O seu responsable, Héctor Castro, valora a boa acollida que está tendo a nova tempada por parte do público. "Abrimos después de San Froilán y está previsto continuar cada sábado hasta el mes de mayo. En verano pararemos porque en Lugo hay menos gente", explica.

Daniel Veiga, ‘Plenario’ Xerente de Hermo 
"Os clientes están respondendo de marabilla e nun mes xa abriron tres bares na contorna da discoteca"

Exágono é a sala máis antiga da cidade, segundo o seu responsable. A nova tempada inclúe unha novidade salientable, pois o día de apertura pasa ao sábado e en horario nocturno, a partir das once da noite. "Antes abríamos los domingos por la tarde, pero ese día tiene más limitaciones. Por ejemplo, cuando abren los centros comerciales se nota el descenso de gente". Coa apertura os sábados pola noite evitan ese problema e adáptanse aos hábitos de ocio do seu público. "Son sobre todo personas de 35 o 40 años en adelante, un público tranquilo". Para eles están preparando xa unha festa de Fin de Ano con opción de reservar mesa, para que a noite sexa o máis agradable posible. Intentan cumprir os gustos do seu público, igual que cando seleccionan a música en cada momento, en función da xente que se atope no local.

A discoteca Zouk, adornada con motivos de Nadal. EPA MAÍS NOVA. Esta particularidade tamén a teñen en conta en Zouk, outro gran centro de ocio de Lugo. Esta discoteca é a máis nova da cidade e énchese de xente cada fin de semana. Abre as noites dos venres e dos sábados e ofrece tres ambientes. "Unha zona de salsa, outra onde se ofrecen clases de baile os venres e a zona central, a máis grande, onde os DJs adaptan a música ás demandas do público", explica José Expósito, o seu xerente. Tamén é o responsable da sala Morango, que abre os domingos e programa cada semana unha actuación dunha orquestra.

Morango está no polígono industrial do Ceao e Zouk, no das Gándaras. "Cando empezamos con Morango chamáronme tolo por abrir nun parque empresarial e o resultado foi perfecto", conta Expósito. "Ata aquí chega xente de lonxe. Veñen da Coruña, de Santiago, da Mariña... coa autovía estamos a unha hora de calquera lugar", explica.

Por festas puntuais apostan locais coma Sugar, con moito público universitario 

Os dous negocios compleméntanse para atender distintos públicos. Zouk ten un ambiente tranquilo ata a madrugada. A partir das dúas da mañá percíbese un aumento de xente nova e a música adáptase aos seus gustos. Os amantes da música latina terán sempre o seu lugar nesta sala, aínda que os 80 tamén teñen cabida e os DJ están sempre atentos para que ninguén que queira bailar quede sentado.

Morango, en cambio, está dirixido a un público de orquestra, habitualmente de máis idade. Luis López é cliente asiduo de Zouk e di que lle encantan "o ambiente e a música. Os DJ son fabulosos". Acostuma ir os sábados. "Somos tres parellas das Pontes que andamos xuntas e desprazámonos moitas veces a Lugo, sobre todo os sábados. Imos a Zouk porque nos gusta, é un bo lugar para a noite dos sábados, pero tamén cando hai que celebrar algún cumpreanos ou algún outro evento".

Valora a oferta de actividades da sala. "Eu non vou ás clases de baile porque son os venres, pero está moi ben que as ofrezan. Gústame moito que haxa distintos ambientes, así cada un pode escoller onde estar en cada momento". Este grupo das Pontes forma parte dos clientes da primeira hora dos sábados. "A partir das dúas e media da mañá nótase que o público cambia, hai máis xente nova, o cal está tamén moi ben porque hai música para todos os gustos", explica Luis López.

No Fin de Ano todas as salas se visten de gala para dar a mellor noite aos seus clientes

OUTRAS OPCIÓNS. Lugo conta, ademais, con outro tipo de salas que abren esporadicamente. É o caso de Sugar, un local que organiza festas temáticas (Halloween, Entroido...), concertos ou eventos en datas sinaladas, como as do remate dos exames na universidade ou o Fin de Ano. Sobrevive en simbiose co público universitario. "Os estudantes venden entradas e levan unha comisión que lles serve para xuntar cartos para as viaxes de paso de ecuador", explica o encargado da sala, Jorge Alonso. Deste xeito, o público está garantido en cada evento e todas as partes saen gañando.

Os hábitos de ocio mudaron e, aínda que nalgúns momentos pode parecer que hai tanta xente correndo no parque do Miño coma nos pubs unha noite de sábado, a gana de festa non decae en Lugo e os xerentes dos locais esfórzanse por adaptar a súa oferta á demanda dos clientes, apostando pola especialización para garantir o éxito.

Á marxe de que abran os venres, os sábados, os domingos ou en días contados, todos estes locais de ocio nocturno están preparando a festa de Fin de Ano. Ese día abrirán todos, terán sorpresas adaptadas para os seus respectivos públicos e traballarán para que leven un grato recordo que lles dure todo o ano e que os anime a regresar moitas veces.