O Resu logra un galardón nos Premios Fest pola súa zona de acampada

O evento viveirés chegou á final nas categorías de mellor festival de gran formato, mellor zona de restauración e mellor aportación turística
O director do Resurrection, Iván Méndez, e o subdirector, David Méndez, recolleron o premio
photo_camera O director do Resurrection, Iván Méndez, e o subdirector, David Méndez, recolleron o premio

A gala dos Premios Fest celebrada este mércores pola noite en Bilbao tiña reservado un oco para o Resurrection Fest, que levou o galardón á mellor zona de acampada. Tamén chegou á final nominado noutras tres categorías, mellor festival de gran formato, mellor zona de restauración e mellor aportación turística. O director e o subdirector do festival, os irmáns Iván e David Méndez, estiveron presentes na gala e recolleron o premio, outorgado logo dunha combinación de votos populares e da valoración dun xurado de profesionais da industria musical.

O Resurrection contou na súa última edición con dúas áreas de acampada gratuítas, no parque Pernas Peón de Covas e en San Roque, con autobuses ata o festival. Tamén ofreceu tres áreas de pago: Resucamp, pegada ao recinto do evento en Celeiro; Bechcamp, na praia de Area, e Glamping, en terreos do Casino, con distintos servizos e comodidades.

Os fans esperan agora ansiosos as primeiras confirmacións da vindeira edición do festival viveirés, que se celebrará do 11 ao 14 de xullo.

Comentarios