O recurso á prórroga

O CONSELLEIRO DA PRESIDENCIA lanzou hai uns días a idea de prolongar o actual Ano Santo, para que deste xeito a acción beneficiosa para o turismo poida continuar. Nun principio seica contou coa simpatía do propio Presidente, que axiña dou un paso atrás e, finalmente, o xerro de auga fría procedeu do arcebispado de Santiago. Lóxico. O conselleiro procedeu con mui pouco tento do ponto de vista da diplomacia, sempre conveniente nun gobernante e imprescindible nas relacións eclesiais. Debeu mentar primeiramente o desexable que sería extender no tempo as grazas celestiais, derivadas do discorrer pola Porta Santa, e deixar o arelado balance turístico en simples consecuencia dos ben espirituais.

Con todo existen precedentes de apertura extraordinaria da Porta Santa e de prórroga da vixencia do ano, segundo informa Carro Otero: en 1885 o Papa León XIII proclamou a Bula ‘Deus Omnipotens’, co gallo da autentificación apostólica dos restos de Santiago e, xa que logo, o Ano Santo. E en 1938 a Igrexa ampliou o de 1937, para dar ocasión de visita a aqueles que non puideran facelo por mor da guerra civil. Mais nos tempos que corren, a xerarquía non xulgou preciso arbitrar alongamento algún, e moito menos polas razóns aducidas, de carácter eminentemente material que, pola contra, soen estar moi presentes dentro da política da curia.

Asi e todo, asombra que a Xunta pense seriamente en tal recurso e non no aproveitamento intelixente das posibilidades do Xacobeo, e particularmente do Camiño concebido como itinerario cultural europeo, antes que como unha sucesión de albergues de escasa rendabilidade. Claro que para iso compre poñer o acento na recuperación monumental e paisaxística, e no fomento das manifestacións culturais propias nos diversos fitos das rutas compostelanas, que durante boa parte do ano serian recorridas en automóbil, con paradas e estadías, capaces de xerar riqueza, e non estar sempre á toa dun Ano Santo que agora non voltará até o 2021.

Proposicións como a da extensión do Xacobeo, homologan o acontecimento co dos que festexan o ano novo fóra da sua data, porque houbo unha ocasión na que se foi a luz, ou aqueles concellos que foron cambiando a data das festas patronais para que cadren no verán e non no inverno, ou a comemoración do San Genarin en León en plena Semana Santa. E ben que está todo isto, pero non serve para algo que se presume tan serio e importante como o Ano Santo, que se celebra cando o 25 de xullo, Día do Apóstolo cae en domingo, o que sucede cunha cadencia de seis, cinco, seis e once anos.

Éche o que hai e a iso compre aterse, aparte da promoción permanente dos valores potenciais do camiño, ao que antes aludimos.

Comentarios