Blog | A Semana do Revés

O que din as enquisas

Non convence o goberno local nin a fragmentación da esquerda, pero non emerxe alternativa

Votacións no colexio de Casás, en maio de 2015. PEPE TEJERO
photo_camera Votacións no colexio de Casás, en maio de 2015. PEPE TEJERO

Tralos estrepitosos fracasos dos últimos anos (Trump, Brexit, eleccións andaluzas...), o valor das enquisas políticas está cada vez máis cuestionado. Pode que os cartos que se destinan a elas sexan os peor investidos, agás que o se busque non sexa tanto testar un estado de opinión ou unha intención de voto como influír neles. Quizais porque as que se publican son cada vez menos fiables e porque é preciso ter datos para marcar estratexias, ningún partido renuncia a facer as súas. Destas non se informa, pero transcenden. En Lugo circulaban varias antes da convocatoria de eleccións xerais, que romperon o taboleiro e cambiárono todo, polo que hainas que ler aínda con máis prevención.

No PSOE aparentan razoablemente tranquilos, e iso que algún estudo dálle baixada notable de concelleiros. Outras fontes apuntan a unha tendencia positiva mes a mes, a pesar das dificultades que afronta o goberno de Lara Méndez. Se isto se confirmara o 26 de maio, demostraríase que a percepción mediática e social ás veces pode estar deformada e non axustarse ao que cada votante ten na cabeza. Aínda que para isto habería que asumir que o voto é reflexivo, e non emocional e cambiante. Se en algo coinciden as enquisas é no alto índice de indecisión.

Pode que os datos internos do PSOE sexan menos malos dos que prevían algúns ou pode que cada un se console co que pode. A intención de voto a En Marea está en caída, O que din as enquisas segundo enquisas propias, pero non tanto como temían moitos dos seus tras meses convulsos.

Lugonovo tamén fixo enquisa —800 consultados a principios de decembro— e o resultado coincide co doutras: o PSOE e ó partido que xera máis descontento, pero á vez é o que atrae máis voto. A lectura é sinxela: os cidadáns non ven alternativa. O estudo da ‘marea’ local aporta outro dato do que os afectados poderían tomar nota, aínda que nada apunta a que iso vaia suceder. A intención de voto a unha coalición de esquerdas (Lugonovo, EU, Podemos...) sería superior ao apoio que esas forzas recibirían por separado. Algo así apunta o estudo de Cs, feito en xaneiro cuns 700 enquisados. Por separado, a esas formacións custaríalles —nalgún caso estarían lonxe— chegar ao 5% dos votos necesarios para ter concelleiro. Xuntos, Podemos e EU superarían ampliamente esa porcentaxe. Entre os que rondaba o 5% tamén estaba Vox, en plena ola tralo acordo andaluz.

A posible irrupción de Vox é un dos motivos de preocupación do PP, ademais de Cs. Hai sagas de Lugo que ven brando o seu partido —probablemente en temas que transcenden o local máis que en asuntos de cidade— e miran cara a Vox. Dise que, ao igual que a alcaldesa, o candidato popular, Ramón Carballo, convence no ti a ti e que freou algunha fuga. Aínda que o partido non é alleo ao que sucedeu en Andalucía, onde cos peores resultados da historia goberna grazas a Cs e Vox. É por iso que de primeiras pode verse como un problema pode chegar a ser unha solución.

Vivir é o que preocupa
Hai políticos que se sorprenden coa información que aportan algunhas enquisas. Entre as cuestións que preocupan aos cidadáns non saen os contratos municipais caducados ou o desemprego, por poñer exemplos, senón o estado dos pasos de peóns, a suciedadade, a tardanza das licenzas ou o mal funcionamento dos buses. Preocúpanlles as cousas do día a día e no grupo meten tamén aos políticos. Quen o ía dicir!

Só o 2% sabe quen goberna
Hai información que aportan as enquisas que semella obvia, como as cuestións que preocupan aos cidadáns, e outra que debería ser motivo de preocupación, e non só para os partidos. Dos enquisados por Lugonovo, non chegaba ao 2% os que coñecían a composición da corporación local. Había quen pensaba que na cidade gobernaba o PP e quen cría que Ace e EU son dous grupos distintos.

PSOE, perda e ganancia
No goberno hai máis desgaste que na oposición, pero tamén máis ferramentas para promocionarse e en teoría a posición de partida é mellor. Porén, segundo a enquisa de Cs, un de cada cinco lucenses que en 2015 votaron o PSOE din que desta vez non repetirán. Tamén hai enquisados que hai catro anos non lle deron a papeleta ao PSOE —por castigo a Orozco, porque preferiron a Lugonovo...— e que agora si o farán.

Comentarios