Opinión

O país dos suicidios

No ano 2017 suicidáronse en Galiza 324 persoas, sendo a taxa de suicidios de 12 persoas por cada 100.000 habitantes, a máis alta de España, cunha media de 8,7

ACTUALMENTE O PAÍS coa taxa máis alta de casos de suicidio do mundo é Groenlandia, con 79 casos por cada 100.000 persoas. E despois figuran na lista, entre outros países, Ucraína, Rusia, Hungría, Bielorrusia e Polonia. En Francia, por exemplo, prodúcense 17 suicidios por cada cen mil habitantes e países como Perú ou Turquía teñen índices realmente baixos (3 suicidios por cada 100.000 habitantes) O certo é que arredor de 800.000 persoas prívanse da vida cada ano no mundo, converténdose tal acto ou acción individual na segunda causa de morte entre os 15 e os 30 anos, segundo datos que ofrece a Organización Mundial da Saúde.

¿E que acontece entre nós, no noso país? As cifras falan por si mesmas. No ano 2017 suicidáronse en Galiza un total de 324 persoas, sendo a taxa de suicidios de 12 persoas por cada 100.000 habitantes, a máis alta de España, que se mantén nunha media de 8,7. ¿Por que acontece isto aquí? ¿Por que a provincia da Coruña só é superada en número de suicidios por Barcelona e Madrid?

Segundo o Movemento Galego da Saúde Mental, que actúa en defensa dunha saúde mental pública e de calidade, no seu día a Consellería de Sanidade manifestou -era o Día Mundial de Prevención do Suicidio 2017- que a morte por suicidio en Galiza era un problema de saúde pública de primeira orde e que debía ser tratada como unha "prioridade multisectorial". Mais pasou máis dun ano de tal afirmación e, existindo como existe un Plan de Prevención do Suicidio para Galicia, a día de hoxe segue sen haber compromisos de execución, prazos, concrecións e dotación económica ningunha. Nada de nada. E prodúcese entre nós case unha morte diaria por suicidio, sendo xa a principal causa non natural de mortalidade entre a nosa poboación.

O Movemento Galego da Saúde Mental cualifica de desesperante a desidia dos responsábeis da saúde da Xunta diante da epidemia silenciosa de suicidios que se produce no noso país. Non existe programa ningún de prevención entre nós que poidamos conceptuar de serio. Óllase para outro lado unha e outra vez. A morte por suicidio non ten visibilidade. Semella que non preocupa. E o Centro de Investigacións Sociolóxicas di que os galegos estamos á cola do Estado no que a felicidade se refire. A saúde mental en Galiza é a irmá pobre do Servizo Galego de Saúde. ¿Somos un país de infelices e suicidas? Iso di a estatística. ¿Que opinan vostedes?

Comentarios