O Iescha renova a súa directiva, con Marisa Barreiro como presidenta

A entidade nomea socio de honra a Víctor Corral e aproba un orzamento de 27.000 euros para 2017
Marisa Barreiro, sentada no centro, xunto a Arturo Gómez, Sabela Figueiras e parte dos vogais
photo_camera Marisa Barreiro, sentada no centro, xunto a Arturo Gómez, Sabela Figueiras e parte dos vogais

A mestra Marisa Barreiro presidirá o Instituto de Estudios Chairegos os vindieros catro anos, en sustitución de Manuel Castro Santamariña, que levaba unha década no cargo. A entidade vén de renovar a directiva, á que se incorpora unha cara nova, Pilar Gómez, como vogal.

Sabela Figueiras pasa a ser a vicepresidenta e Arturo Gómez Mato continúa como secretario, mentres que Chema Felpeto, Tino Alvite, Carmen Pernas, Suso Tratoy, Carlos Gómez Osa, Francisco Roca , Manolo Roca e Manuel Castro Santamariña exercerán de vogais.

«Espero estar á altura», desexou a nova presidenta, lembrando os inicios dunha entidade na que prima o traballo en equipo. «Somos unha familia», apuntou pola súa banda Santamariña, quen precisou que non se presentaron candidaturas, polo que simplemente se rotaron os cargos.

A nova directiva tomou posesión nunha asamblea extraordinaria que seguiu á ordinaria, na que se aprobou o nomeamento do artista de Baamonde Víctor Corral como socio de honra, en recoñecemento ao seu labor e á súa importante traxectoria.

Os socios presentes tamén validaron as contas de 2016 e respaldaron un orzamento de 27.151,96 euros para 2017, co que se financiarán máis dunha vintena de actividades. Entre as propostas para este ano salienta a convocatoria do I Premio de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade Agustín Fernández Paz, que se convocará en breve e se resolverá a finais de ano.

O programa tamén inclúe as rutas Por Galicia Adiante, Cultural e Chairega, a presentación dun libro de Manuel Roca Cendán e do Boletín Pena do Encanto, ambos actos a finais de ano, varias obras de teatro ou unha exposición de pintura de Carmen Gómez Mato polo San Ramón. O máis inmediato será o día 24, ás 20.30 horas na casa da cultura, onde o bengalí Anil Nandi falará de Manuel María e do idioma galego.

O Iescha conmemorará o Día das Letras Galegas, cun marcapáxinas co poema ‘Penélope’ de Díaz Castro e unha conferencia de Antón Ribeiro sobre Carlos Casares; en xullo lembrará a Lois Peña Novo e en setembro homenaxeará a Manuel María no Día da Cultura Chairega. Ademais, espera organizar proxeccións de cine, recitais poéticos ou unha xornada sobre xogos populares.

Comentarios