O fracaso do bipartidismo

Os procesos electorais na Alemaña e Portugal salientan unha sensíbel redución do peso electoral das dúas forzas principais en cada un destes Estados. En Portugal baixaron evidentemente os socialistas do PS e estancáronse os conservadores do PSD. Os dous grandes partidos portugueses pasan de representar no 2005 o 75% dos votantes a só un 68%.

No caso alemán, a suma dos socialdemócratas do SPD e máis os democristiáns e conservadores bávaros do CDU-CSU, que cogobernaron na última lexislatura, acadan só un 57% (33,5% o centro-dª e o 23,5% o SPD) fronte ao ¡76%! que acadaron no 2001.

Ambos os dous casos partillan tamén un modelo pluralista de cinco opcións parlamentares, lonxe sempre das maiorías absolutas, onde as minorías maioritarias non sobardan o trinta e tantos por cento. Un modelo no que existen, no caso portugués e no alemán, dúas opcións de esquerda en cadanséus Parlamentos estatais á marxe da socialdemócrata oficialista.

No caso alemán, 'Die Lincke' amorea un 14%, representando aos excomunistas unidos á escisión da esquerda socialdemócrata de Oskar Lafontaine, mentres que os verdes manteñen á alza un 10%. No país veciño, sobrancea a nova esquerda do Bloco (case un 11%), mentres a coalición de comunistas e verdes mellora posicións un chisco e acada un 8%.

En ambos os dous casos, a opción maioritaria do centro-dereita perdeu cota de apoio electoral-quer real,quer potencial-a prol doutras formacións. En Portugal a dereita do CDS-PP, malia defender ideas certamente afastadas da centralidade, gaña votos coa súa oferta social cara aos xoves, terceira idade e medio rural. No caso alemán, os liberais do FDP acadan o seu mellor resultado-14,5%- cunha oferta nidiamente centrista, ao acoller unha proposta de redución fiscal e unha política que afonda na protección dos dereitos civís e liberdades públicas.

De calquera xeito, non hai maiorías absolutas, medra a forza das opcións minoritarias e obteñen unha sensíbel representación cinco opcións en cadanseus Parlamentos. Seica moitos observadores comentan xa que ésta é a tendencia que chegará, de xeito inevitábel, á escea política do Estado español, cada vez máis farta da falla de conexión coa sociedade do PSOE e do PP.

Comentarios