Opinión

O envoltorio

O ENVOLTORIO non debe merecer máis que o contido que arrodea, aínda que sexa papel de envolver. Hai un dito popular ben certeiro, "o regalo da felicidade pertence aos que o sacan do envoltorio", igual que os regalos de reis, de fin de ano, do nadal ou do día de San Manuel. Son de quen os desempaqueta, de quen amontoa enormes cantidades de lixo cos regalos e, máis aínda, co envoltorio. Desafortunadamente, a metade deles son para tirar, para destruír, ensuciar ou, no mellor dos casos, para reciclar. A tía Manuela ben que insistía: "Cando se regala alegría, non se envolve".

Envoltorios de mil cores, de mil formas desiguais, de materiais especiais, de calidades diversas, de prezo e de importancia diferentes, e a maioría co mesmo fin, co propósito de agrandar o irracional consumismo, coa intención de tapar, de envolvelo todo, de facer medrar o devezo e a quimera nas amizades, na nai, no fillo ou nas irmás que cadaquén tanto quere.

O envoltorio non debe merecer máis que o contido que arrodea. A tía Manuela ben insistía: "Cando se regala alegría, non se envolve"

 

Envolve a propaganda, a comunicación e tamén a educación e a incultura. Noutros tempos, non. Envolvía os chourizos o meu amigo cando ía á feira ou a un enterro, envolvía o fouciño coas pallas de centeo o campesiño, para ir polo camiño da sega sen ter medo a cortarse; envolvía unha codia de pan duro aquel home traballador que gardaba as ovellas no monte, pola mañá, pola tarde e de noite.

Os paisanos da Galicia interior envolvían todas as súas pertenzas, incluída a miseria, cunha verza ou cun par delas. O xurelo secado polo aire no cuarto que miraba ao norte e a sardiña ben curada envolvíaa o mariñeiro para, despois, comer no mar. Pero, os que fabrican unicamente envoltorios, deberían ter moi presente o coñecido refrán daquela mona que viste de púrpura ou de seda.

Nas datas especiais, é unha verdadeira loucura. A xente envolve sen pensar, incluso os regalos que non dá. Envólvense as ilusións, a esperanza, os desexos e as miradas. Todo, todo se envolve. Antes era con papel de estraza ou do xornal, mentres que agora faise con papel de luxo, con suntuosidade, con exuberancia e con nada dentro. Envolven os políticos o seu pensamento, aínda que non o teñan; os mestres empaquetan a lección, os exemplos, os exercicios, a discusión e a razón. Aí está, o importante parece o celofán do envoltorio.

Comentarios