«O coro galego volverá aos escenarios tras 47 anos»

Que pretende coa obra ‘Cántigas e Frores, 60 anos de tradición’?
Con este traballo pretendo achegar a asociación Cántigas e Frores a toda a xente que descoñece a súa traxectoria, e agradecer o seu paso pola mesma a todas as persoas que formaron parte dela nalgún momento, para que manteñan vivas todas as lembranzas e emocións vividas grazas a esta asociación.

Vai por orde cronolóxica?
Ten varios apartados. Un deles é o resumo da historia da asociación, que vai acompañado de imaxes. Outro apartado é de arquivo, recolle partituras do coro de principios do século XX e de gaita, tanto do repertorio actual como dos anos 70. Cántigas e Frores saíu da unión de dous grupos, Cántigas e Aturuxos e Frores e Silveiras. E hai outro apartado de retrospectiva, cunha foto de cada ano para ver como evolucionou a asociación e as persoas que a integraron.

En que consistirá o acto?
Na presentación do libro, que é ás 20.00 horas no Círculo das Artes, actúan a banda de gaitas e o coro galego, que volve aos escenarios despois de 47 anos. É a súa presentación oficial. A súa última actuación foi en 1964 e levamos case un ano preparándonos.

Comentarios