O Concello abre 28 ventás virtuais para coñecer a Manuel María

O IES Lois Peña Novo crea códigos QR para darlle visibilidade aos traballos dos centros
Alexandra Cabana e José Antonio Pita, xunto a Flor Rey, amosan o funcionamento dos códigos
photo_camera Alexandra Cabana e José Antonio Pita, xunto a Flor Rey, amosan o funcionamento dos códigos

A sociedade entre o Concello de Vilalba, os centros educativos e outras entidades para conmemorar de xeito conxunto o Ano Manuel María vén de acadar un novo fito, a creación de 28 códigos QR que abren outras tantas ventás virtuais para darlle visibilidade ás distintas homenaxes que se lle tributaron ao poeta de Outeiro de Rei en Vilalba.

Poemas recitados polos nenos, un concerto íntegro de Mini e Mero, o proceso de elaboración da Gaiola dos Soños, obras de teatro escolares ou tres montaxes cos máis de 400 carteis feitos polos escolares que adornan os negocios vilalbeses son só algunhas das sorpresas que se agochan detrás de cada código, que non van identificados, precisamente para que o contido sexa sorpresa.

A partir desta mesma semana, estarán colocados ao acceso de calquera que leve un móbil, na rúa, en edificios municipais, espazos públicos ou lugares representativos. Tamén se poderán ver sen necesidade de estar fisicamente en Vilalba, xa que no IES Lois Peña Novo deseñaron un mapa en Google Maps que ofrece accesibilidade aos 28 códigos QR de Manuel María.

O concelleiro de cultura, José Antonio Pita, animou a difundir e conservar estas ventás virtuais, ao tempo que Alexandra Cabana, coordinadora do proxecto e vicedirectora do Lois Peña Novo, puntualizaba que estarán dispoñibles «o que duren», xa que a súa idea é que estas iniciativas teñan continuidade no tempo.

Comentarios