El atún a la parrilla y la magdalena de Proust

UNHA NOITE decidín que non quería coñecer a ninguén que admirase. Receteime esa cuarentena para evitarme desilusións. Estaba nun pub con música radioformuleira parede con parede coa casa do Antiguo de Oviedo, na que disque que Clarín puxo a vivir a La Regenta. Pasoume pola beira José Agustín Goytisolo. O poeta andaba coa mirada utópica dos borrachos, asolagado de xenebra. Berraba que un colega da Xeración dos 50 era «un membro menor, en todos os sentidos».

Ao día seguinte, os dous estabamos na conferencia que deu no Campoamor. Eu, como escoitante sobrio; el, como conferenciante de cara tumefacta e colorada.

Non quero que me pase como a Joyce cando logrou que lle presentasen a Proust no hotel Majestic de París en maio de 1922. Hai varias versións documentadísimas e diverxentes sobre o encontro. Quedo coa de Italo Stevo; non porque fose amigo de Joyce, senón por ser a mellor escrita.

Todas coinciden en que o escritor irlandés bebera unha boa parte do champán dispoñible nas catro horas de espera e que Proust soamente quería saber con cantos nobres tomaba o te. A Joyce interesábanlle tanto os aristócratas como a Proust o ‘Ulises’.

Tras recuperar a sobriedade, Joyce anotou no seu diario: «Proust, bodegón analítico. O lector remata as súas frases antes ca el».

Ese motivo paréceme importante para reprimir o desexo de coñecer a dous escritores que admiro: Manuel Jabois e a Juan Tallón.

O único que pido aos meus amigos é que non me falen de fútbol, poesía ou coches. Jabois e Tallón resistiríanse con Martín Códax ou con Niko Rosberg, pero non me aforrarían unha referencia ao xeito no que Paulo Futre daba chegado a un pase longo coma a Ruta 66 grazas ao cigarro que se fumara no túnel de vestiarios.

De feito, Tallón teima en que lea o seu ‘Manual de fútbol’ (Edhasa) baixo o pretexto de que, como agasallo, podo ler un prólogo de Jabois. Seica xa mo mandou un par de veces, pero o servizo de Correos faise tanto de rogar como o tempo de desconto na última Champions. O Atlético de Madrid xogou en Lisboa non por azar, senón para doutorarse en sebastianismo, esa especialidade portuguesa de saborear as vitorias frustradas.

Dese xeito consólame, pensando en que podo coñecelos e prefiro non facelo, con ese derrotismo do Baterbly de Herman Melville.

Teño para min que o mesmo lle aconteceu a García Márquez, cando sentou onda Cunqueiro nun restaurante do Raval nos 60. Quero pensar que o colombiano reprimiuse de incharlle a cabeza coa leira do RH galego, aínda que o entusiasta Carlos Reigosa dá por suposto que lla contou. Rigor.

Cunqueiro escollía os amigos: Josep Pla, Joan Perucho, Néstor Luján,... cataláns e eruditos en gastronomía.

Os anos estanlle dando a razón. Canto máis presta falar dun bo lombo de atún vermello á grella ca sobre a madalena de Proust.

Manuel Bragado e Xosé Aldea, responsables do Culturgal, veñen de anunciar unha división gastronómica na feira, que se celebrará en decembro en Pontevedra. A mesma proclama fixo Antonio Caneda para o Festival do Norte, a primeiros de xullo en Vilagarcía. O encontro contará con cociñeiros coma Álvaro Villasante, que se lles adiantou relacionando música electrónica nunha cea no seu Paprika, de Lugo.

Acordei estes días, co gallo do congreso de turismo industrial que se celebrou en Ferrol, da teima de Ánxela Bugallo por investir na arqueoloxía industrial cando era conselleira. Este país sempre foi lento de reflexos.

Manzano, o escultor que era comunista ata que descubriu o poder da luz

JAMES JOYCE non lle tomou a mal a Proust o desprezo e foille ao enterro uns meses máis tarde.Confío en que Juan Tallón, que ten a virtude estética de fumar, bote un cigarro na miña honra no crematorio cando me leven para alí.

O meu problema con Tallón, e con Jabois, debe de ser o que aseguraba Blaise Pascal, o filósofo francés do XVII: un admira o que non entende.

O escultor Acisclo Manzano confesoume unha vez que el foi comunista ata que descubriu a luz. Eu non creo que ninguén entendese a Marx en toda a súa fondura, pero vaiche dar a impresión de que si, de que o das plusvalías non ten maior misterio. Pero daquela, pensas na luz. Na súa natureza e no seu comportamento.

E,claro, a súa complexidade ponse de par coa álxebra de Lie. Fixo falta unha matemática coru-ñesa, María Wonenburger -finada esta semana- para investigala en Yale.

Acisclo Manzano deixou de lado a ditadura do proletariado e agora amosa os seus moldeados da luz, xunto con Acisclo Novo, en Ourense, na mostra ‘Acisclos’.

O mesmo que Manzano quedou perplexo cando empezou a reflexionar sobre a luz, eu quedei fascinado cando lin a Tallón e a súa emoción cando o «‘speaker’ deletrea las alineaciones como las coplas de Jorge Manrique».

Serei indiscreto: Tallón convidoume a xantar a cambio de ler un libro sobre fútbol, o seu. A miña resposta foi trascendente: «Sabes cociñar?» «Iso non se pregunta», confesoume azorado. Aceptarei a proposta. Italo Stevo recoñecía que non lera ‘Ulises’ porque prefería escoitar como llo contaba en persoa o propio Joyce. 

(Publicado na edición impresa o 21 de xuño de 2014)

Comentarios