Rozas como epicentro de investigación

O aeronáutico galego pisa forte para converterse nun novo motor da economía

Máis dunha vintena traballan xa para as principais multinacionais do sector
O conselleiro de Economía e outros representantes públicos, en Rozas
photo_camera O conselleiro de Economía e outros representantes públicos, en Rozas

O aeronáutico é un dos sectores emerxentes en Galicia que está a traballar para gañar peso, tanto no eido industrial como no tecnolóxico, pisando forte para converterse nun novo motor da economía. Hoxe, máis de 20 empresas da comunidade téñense configurado como provedores de primeiro, segundo e terceiro nivel das grandes multinacionais da aeronáutica, con fitos como o alcanzado recentemente pola galega Coasa, que participará no pedido máis grande da historia de Airbus.

Este traballo na aeronáutica tripulada complementarase cun proxecto de gran calado que busca facer deste sector un dos grandes piares industriais da comunidade: o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Galicia.

As empresas de aeronáutica máis grandes do mundo están a poxar por converterse no socio deste polo, un proxecto que suma a participación da Xunta, o INTA e o Ministerio de Economía e Competitividade para facer do aeronáutico galego un sector á altura da automoción ou o naval.

Airbus, Boeing, Indra, Everis, Eibit systems, Augustawestland xunto a Telespazio, Inaer, Thales, e a UTE UAV Galicia, que reúne a varias pemes, teñen xa amosado o seu interese pola iniciativa, o primeiro paso para conformar en Galicia un polo que supón un investimento público de máis de 55 millóns de euros ata 2020 e que terá o seu centro neurálxico no aeródromo do INTA en Rozas (Castro de Rei), onde Xunta e Defensa te- ñen posto en marcha o Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR).

O polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados impulsará a creación de emprego industrial nun eido cun gran potencial de crecemento

Deses máis de 55 millóns, precisamente, máis de 10 xa están a ser investidos no CIAR, que se suman a 20 millóns destinados á compra pública innovadora de tecnoloxías, e 25 millóns que se dedicarán a contratación dun ou varios socios industriais de referencia entre eses candidatos que amosaron o seu interese.


Fabricación de drons en serie

O contrato cun ou varios socios industriais, que se asinará en decembro, suporá o desenvolvemento dun plan de I+D en programas de interese para Galicia, xerando un efecto tractor sobre o sector produtivo e centros de coñecemento. Ademais, implicará o desenvolvemento dun plan industrial que permita a fabricación de avións non tripulados de uso civil en serie en Galicia, impulsará a capacidade galega para a certificación de desenvolvementos industriais, e levará aparellado o dereito de uso e libre acceso á tecnoloxía por parte da Xunta, mellorando desta maneira os servizos públicos que presta. O obxectivo do Goberno galego é fixar tecido industrial a través do impulso dun sector emerxente de gran potencial que permita o desenvolvemento de I+D+i e a fabricación en serie de drons civís, seguindo os obxectivos marcados na Axenda da Competitividade Industrial Galicia-Industria 4.0.

Un mercado de 67.000 millóns



Trátase dunha aposta que busca aproveitar o potencial dun sector que se estima que xere investimentos por valor de 67.000 millóns de euros ata 2020 en todo o mundo, un mercado polo que están xa a loitar as principais industrias globais. Desta maneira, a comunidade consolida ademais un sector que xa conta en Galicia con pemes que se teñen consolidado como subministradoras das principais empresas aeronáuticas do mundo.

Os usos que se plantexa a Xunta con este desenvolvemento dos avións non tripulados están vinculados a catro retos, que marcarán o labor investigador do socio ou socios industriais contratados a partir de decembro. O primeiro é a xestión eficiente dos recursos terrestres, agricultura, gandería e biomasa, dentro do que se atoparían desafíos como a prevención de incendios, a detención de pirómanos, ou os recursos forestais.

Como segundo reto establécese a xestión eficiente dos recursos acuáticos, con usos como a vixilancia de verteduras e residuos, e de cuncas hidrográficas. O terceiro reto é a xestión eficiente do territorio, patrimonio cultural e turismo, permitindo solucións para o catastro, o patrimonio histórico ou a cartografía. E por último, o cuarto reto atende á xestión eficiente de emerxencias, facilitando solucións en zonas de desastre, valoración de catástrofes ou apoio a misións de salvamento.

Como criterios de valoración para a selección do socio ou socios industriais, por riba de todo, a colaboración con pemes, centros tecnolóxicos e universidades galegas, un factor que inflúe en 20 dos 30 criterios para a selección do socio.


Comentarios