Nova imaxe para un lago que revolucionou a paisaxe

 O Concello pontés dota de servizos públicos a praia, con baños, duchas e dous bares que estarán abertos ao público o próximo verán
Novos módulos na praia do lago das Pontes. C.ARIAS
photo_camera Novos módulos na praia do lago das Pontes. C.ARIAS

No verán de 2012 inaugurouse o lago das Pontes, un novo espazo con 18 quilómetros de perímetro e máis de 200 metros de profundidade, que revolucionou a paisaxe e a rutina, nunha vila que tinguiu de azul a cor negra dese lignito pardo que durante tantos anos alimentou unha central que vive agora os seus momentos máis escuros. E con esa reconversión de mina a lago abríronse expectativas e moitas posibilidades.   

O Concello das Pontes traballa na dotación de servizos públicos na praia do lago, un proxecto financiado pola Deputación da Coruña que conta cun orzamento de 139.928 euros e consiste na instalación de catro módulos prefabricados, dous para baños e duchas e dous para bares

                               Os módulos, que xa están colocados ao longo da praia do lago —de 430 metros— son estruturas de 14,75 metros cadrados cada un. "A través desta instalación ofrecerase un maior servizo á veciñanza, acorde coas súas necesidades, substituíndo os baños químicos por unha instalación permanente, sostible, resistente, durable e acorde coa contorna do lago", explican dende o goberno local, ao tempo que indican que no caso dos bares "os dous módulos remplazarán aos kioskos existentes e está previsto que o Concello saque a concurso público a concesión da explotación do servizo".

Estas actuacións súmanse ás xa executadas entre as que destacan a creación dunha rede de electricidade, de saneamento e de abastecemento de auga para dar servizo aos módulos prefabricados e ao conxunto da praia, onde tamén se instalaron dúas duchas.

O lago, no que se realizan diversas actividades deportivas ao longo do ano, conta cunha ruta de sendeirismo de nove quilómetros que abarcará co tempo todo o perímetro

FUTURO. Entre as actuacións previstas, o Concello mellorará o acceso peatonal ao lago, renovará do peche e substituirá o Punto de Información Turística (PIT). Por outra parte, xunto aos de Pontedeume, Monfero, Cabanas e A Capela, presentou unha candidatura ao programa Planes de Sostenibilidad Turística en Destinos de la Secretaría de Estado de Turismo para potenciar a comarca do Eume que inclúe a creación de bungalows flotantes no lago.

Comentarios