Blog | A Semana do Revés

Non hai auga que os lave

A praia de Lugo segue sendo imaxinaria, pero uns cantos políticos xa encallaron nela

NON CHEGA a auga do Miño –e iso que este verán leva ben auga, que choveu ata tarde– para lavar os políticos lucenses, e algún outro do Sil para abaixo, despois da xestión que levan feito no asunto da praia fluvial. Esa da que levamos anos falando e escribindo, que hai case en calquera concello da provincia e que este ano lle solucionou o verán ao BNG. 

Hai que recoñecer que a xogada saíulle ben. Conseguiu que a Hidrográfica respondese en trece días á súa proposta para mellorar o acceso ao río, unha escaleira de madeira suxeita ao chan e desmontable, para retirala no inverno. Aos gobernos local e provincial pareceulles moi mal semellante celeridade. Din que eles agardan meses ou anos por resposta aos seus proxectos. E algo diso hai. A Confederación adoita esgotar os xa de por si longos prazos que a lexislación lle marca para resolver, xa sexa para sancionar a un particular que pecha unha senda pública ou para autorizar a instalación de alumeado nun paseo fluvial. O Rato agarda dende hai preto de seis meses por ese permiso. Claro que a Deputación tampouco correu moito, porque dende que anunciou o proxecto ata que o rexistrou pasaron arredor de catro anos. 

No caso da ‘"praia"’, dende logo é chamativa a rapidez coa que a Hidrográfica lle respondeu ao BNG, aínda que os nacionalistas non deberían botar tantos foguetes porque o que di a Confederación non é máis que, así en principio, a estrutura podería ser "autorizable". Ínstalle a que faga a tramitación oportuna ante a Xunta e ante o propio órgano de conca, pero cóidase de indicar se o proxecto precisará unha declaración de impacto ambiental, como esixiu o Ministerio de Medio Ambiente para as plataformas de madeira que propoñían hai anos o Concello e a Deputación. O trámite é longo e laborioso –supón consultar unha ducia de entidades– e foi a razón que esgrimiu o goberno de José López Orozco en 2014 para renunciar á obra e anunciar que ía deseñar algo máis suave, do que nunca máis se soubo. 

Preguntada por esa posible obriga, que abocaría ao BNG a traballar de verdade se quixese seguir adiante co asunto, a Confederación di que é algo que se determinará nesa tramitación previa. En resumo, quedamos como estabamos. Ao ser unha zona con alta protección, na que supostamente viven especies ameazadas, calquera actuación nela precisa dunha xestión que ninguén iniciou e que non se sabe como sería de longa. 

Con todo e iso, o BNG meteulle un gol ao goberno de Lara Méndez, e aos anteriores, que levan anos dándolle voltas á zona de baño sen que fosen capaces de sacar nada en limpo. É certo que contou coa axuda da Confederación, que ao mellor non era tan dilixente se a petición lle chegara polos cauces reglamentarios, a través do Concello. Razóns para desconfiar hai, porque o Goberno de Zapatero desdobrou a Confederación do Norte e creou a do Miño-Sil para, supostamente, achegar e mellorar a atención aos ríos da demarcación galega, pero nunca tanta politización e conflitos houbo como dende entón. Aínda que tampouco o goberno lucense está lexitimado para queixarse moito porque, se a día de hoxe segue agardando resposta sobre a zona de baño, é porque non tramitou a declaración de impacto ambiental pedida hai tres anos. 

Para o BNG, o problema é que, de paso que lle meteu un gol ao PSOE, tamén marcou en portería propia. Retou á alcaldesa a que ensinase a xestión que fixeron o Concello e a Deputación ante a Confederación, pero parece que esquece que os nacionalistas formaron parte do goberno local en varias ocasións e do provincial ata hai dous días. Igual tamén poderían ensinar algo. 

E non é esta a única contradición do BNG. Hai que recoñecer que foi o verdadeiro impulsor da zona de baño. De feito, o PSOE non apostou por ela ata que os nacionalistas entraron no goberno de Lugo por segunda vez, no 2011, e puxeron esa actuación dentro das condicións para pactar. Porén, é difícil de explicar que se opoña á proposta do PP na Tolda co argumento do impacto ambiental que tería e a defenda no tramo urbano que goza de máis protección. O voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, seguramente o político lucense que mellor coñece o río, alega que nos Robles xa queda pouca vida, de tan alterado que está o río, e que, ademais, xa está consolidada como zona de baño. O último non é discutible. O primeiro, pois a saber, se Arroxo o di... 

De todos os xeitos, que non se preocupen os lugueses, porque agora o Concello non só baralla unha zona de baño, senón dúas. Leva meses xogando ao despiste e dando largas visto que, total, o verán xa vai aló, pero máis vale que para o vindeiro poda ofrecer algo porque, se non, si que non vai haber auga que o lave.

Comentarios