Sonia López tivo que gastar mil euros en só unha hora por sete tendas de Sarria

Esta veciña da localidade foi premiada pola asociación de comerciantes e realizou a súa tarefa a bordo dun coche clásico

Sonia López, coas bolsas das compras, diante do Ford Roadster que a organización puxo á súa disposición. VILA
photo_camera Sonia López, coas bolsas das compras, diante do Ford Roadster que a organización puxo á súa disposición. VILA

Un tempo de 58 minutos e 44 segundos. Foi o que tardou a veciña Sonia López López en gastar os mil euros cos que resultou agraciada no sorteo da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (Aces), que puxo á súa disposición un coche clásico para unha intensa mañá de compras.

As bases do premio establecían a condición de investir a totalidade do importe nun máximo dunha hora, percorrendo coma mínimo sete das tendas participantes nesta campaña e cun gasto que non podía superar en ningún caso os 250 euros por establecemento.

Sonia López apurou o tempo ao máximo e cumpriu á perfección cos requisitos. Aproveitou para renovar vestiario e calzado, darse algún capricho e agasallar aos seus familiares. "Foi unha experiencia única. Non se gastan mil euros gratis todos os días", afirma.

A sorte nesta campaña chegoulle grazas a unha compra realizada na mercería Sarillo, onde cubriu un boleto de participación que resultou elixido nun sorteo entre miles de papeletas. O venres pola tarde soubo que era a afortunada. "Ó principio pensei que era unha broma porque nunca antes me tocara nada. Levei unha sorpresa e unha alegría", explica.

Coas ideas claras, e sen nervios, este sábado pola mañá subiuse ao Ford A Roadster que a Aces lle tiña preparado para iniciar a xornada de compras. Trátase dun descapotable do ano 1928, procedente de Arxentina, que ten como curiosidades o acelerador no centro dos pedais e un singular maleteiro coñecido popularmente como "ahí te pudras", comenta o seu propietario, Gerardo García, de Oural.

A primeira parada foi no xoiaría Díaz, onde mercou un reloxo por importe de 145 euros. Trasládorense despois ata a óptica Malecón para adquirir unhas gafas de sol coas que agasallar a seu mozo e outras para ela por un total de 240 euros. As seguintes paradas foron as tendas de calzados Veiga (130 euros) e Cris Abad (106), nas que mercou obsequios para a súa nai e irmán. De Vilamey saíu con dous bolsos (51,80) e de Senayo con diversas prendas de roupa (94,49).Para o final do percorrido deixou o establecemento que lle trouxo sorte, Sarillo, onde fixo unha compra de 232,32 euros, parte da cal terá coma destinatario a seu pai.

Sonia López destaca a boa organización por parte da Aces -nunha xornada na que tamén participou persoal de Vida Láctea-, así como a posibilidade de realizar os desprazamentos nun vehículo clásico e con chofer. Segundo indica, elixiu tendas das que é clienta habitual porque, tal e como indica esta veciña, ela é das que "aposta pola comercio da vila".

Comentarios