Non é moito pedir

ESTA É NOITE de brindar, aínda que neste ano que acaba non fora para moitas festas. Confiemos en que este que comeza sexa bastante mellor e que as cifras macroeconómicas polas que se aventura a saída da crise teñan reflexo nos cidadáns e na vida cotiá. Tamén brindamos para que se poñan os medios que eviten que a poboación galega siga minguando; e iso quizais se consiga se a primeira premisa se cumpre, porque un país medra cando a economía vai ben, e aquí non era para botar foguetes nin sequera antes de que rebentara a burbulla inmobiliaria. E se de gañar falamos, non só brindamos por gañar galegos, senón tamén por gañar galegofalantes, pero iso só se consegue coa determinación institucional, con medidas de apoio para que desde cativos se empregue. Non é moito pedir nin desexos imposibles de satisfacer. A ver se estas pretensións se converten en realidade.

Comentarios