"Non me doen os cartos, senón que mintan e que ninguén asuma a culpa"

José Antonio García López mercou 320 euros de lotería na Fonsagrada que nunca chegaron ao seu domicilio
José Antonio García López, denunciante do extravío de lotería. RAFA FARIÑA
photo_camera José Antonio García López, denunciante do extravío de lotería. RAFA FARIÑA

"PUXEN A denuncia o día 7 na comisaría de Pontevedra, pero os 16 décimos seguen sen aparecer e non hai visos de que vaia a recuperalos", afirma José Antonio García López, un policía xubilado residente na cidade do Lérez que mercou 320 euros de lotería no despacho da Fonsagrada que nunca chegaron ao seu domicilio por "erros no transporte de mensaxería". Pese a súa perda, non será posible anular os décimos ao non contar con número de serie nin de fracción, segundo confirman na administración fonsagradina.

Que pensa que sucederá agora?

Todo depende da decisión que adopte o xulgado. Coido que, de non poderse anular os décimos, se adopten medidas cautelares sobre o seu depósito por determinadas persoas no caso que resulten premiados. Non me molestou perder os cartos, o que me fastidia e que haxa xente que minta e que ninguén asuma a culpa do extravío.

Dá a impresión de que houbo un cúmulo de despropósitos.

Aos erros cometidos polos mensaxeiros súmanse as mentiras do receptor do sobre. A mín díxome que estaba baleiro e ao meu cuñado que o tirou ao lixo ao ver que non era para el. O mensaxeiro deixou o sobre nunha casa preto dá miña. O número da dirección que puxo a empresa de mensaxería no xustificante estaba borroso e o repartidor entregouno na casa duns coñecidos seus, que lle poideron xogar unha mala pasada. Tamén é estraño que firmase a recepción co seu propio documento de identidade, cando no papel viña a miña dirección e o meu teléfono. Nin se molestou en chamarme. Na empresa de mensaxería de Lugo dixeron que a entrega estaba asinada, pero non por min. Tiña pensado ir a Consumo, pero non me daban cita ata fin de mes pola pandemia, polo que denunciei en comisaría.

Dende cando encarga lotería na administración da Fonsagrada?

Levo 40 anos mercando o número 17.495, que era o que tiña o bar A Fonte, de A Fonsagrada, e que agora compro en Pontevedra. Dende hai uns anos encárgolle décimos a Otilia Pérez, a loteira fonsagradina, que vive na rúa onde ten a casa a miña muller. Este ano escollín o 27.495 e o 36.744. Tamén estou aboado nese despacho a un número para sorteos semanais.

Sempre lle enviaban os décimos de Nadal por correo ou mensaxería?

Como son de Navia de Suarna e a miña muller da Fonsagrada, reserveinos e quería recollelos en Defuntos. Como nun fumos pola pandemia, pedín que mos mandasen. Mandei 400 euros e o que sobrou quedou para o sorteo de Reis.

Ao final cambiou de números?

Comprei o 14.956 nunha administración de Pontevedra. Xa os mandei aos meus parentes en Bos Aires, Barcelona ou Oviedo.

Comentarios