Opinión

Nin rebelión nin sedición nin malversación

NO ESTADO de Dereito só poden ser castigadas penalmente condutas previamente consideradas delito e estas condutas non poden ser obxecto de interpretación extensiva. Neste senso, existiu o delito de declarar a independencia de parte do territorio do Estado por medios non violentos, mais desapareceu en 1995 coa aprobación do Código Belloch. Tamén existiu uns anos o delito de convocatoria dun referéndum ilegal, imposto pola maioría absoluta do PP na época do aznarato, mais desapareceu na primeira lexislatura de Zapatero. Nin unha nin outra conduta son delictivas. Co Código Penal vixente na mán, non pode existir delicto de rebelión porque non existe a violencia física que esixe o seu artigo 472.5. Violencia física que é tan consubstancial ao delito que o artigo 479 regula o requirimento aos rebeldes que aínda non abrisen fogo. O Tribunal Superior de Schleswig Hollstein viuno claro e calquera xuiz honrado e preparado ha velo coa mesma claridade. Tampouco existe unha sedición que tamén esixe a violencia do alzamento público e “tumultuario”, é dicir a utilización planificada para fins políticos de continuadas desordes públicas. A xurisprudencia do propio Tribunal Supremo –TS- español (até de agora, dende agora sabe Deus) define a sedición como unha rebelión en pequeno, de fins máis concretas, sempre violenta. E tampouco existe delito de malversación. A Interventora Xeral da Generalitat certificou a plena legalidade de todos os gastos do orzamento do 2017 e o ministro de Facenda vén de ratificar a devandita legalidade. E este argumento é definitivo. Cómpre lembrar que o ministro de Facenda controla totalmente a Facenda catalá dende o 28 de outubro e xa a controlaba parcialmente dende o 17 de setembro. Agora algúns inventores do Dº Penal din que tamén se pode malversar alugando locais para mitins. Argumento ben choqueiro que faría rir se as circunstancias non fosen tan dramáticas. E son tan dramáticas porque nas salas do Penal do TS e da Audiencia Nacional estase a aplicar un Dereito Penal do Inimigo á turca que inventa ao seu xeito as condutas constitutivas de delito, ao tempo de inventar as normas da competencia dos propios tribunais. Velaí porque tantas persoas, na Catalunya, na Galicia e na Europa toda, perciban que o que está en risco son o Estado de Dereito, os dereitos fundamentais e a democracia.

Comentarios