Blog | A lume maino

Neve trala ventá

AEP
photo_camera AEP

ESTABAMOS TAN alporizados pola trampa na que se converteu unha autoestrada de peaxe nun día de intensa nevarada que case esquecemos o marabillosa que pode ser a neve. Máis aínda se chega nos días de Nadal. A carraxe dos que quedaron atrapados entre o xeo e o asfalto, de madrugada, a temperaturas inferiores ós cinco graos baixo cero, para rematar as vacacións entre o susto e o esperpento, case nos fai esquecer os torrentes de auga
xeada que se formarán en canto naza a primavera para engordar o cauce dos ríos, hoxe tan tristes. Os tellados de pizarra sosteñen de novo a beleza dunha postal de decembro ó tempo que os campos se cubren dun grande e
espeso manto tan branco que se o miras fixamente case fai chorar os ollos. Medran pompóns de la de cores sobre enormes bolas de neve, como cabeciñas de divertidos bonecos, e agroman as imaxes dos monumentos agarimados por unha capa de tona. Poida que ata teña a neve un efecto terapéutico, un pouco máxico, máxime cando levamos meses retratando a terra agretada e árida dos meses de seca, e cando veñen de pasar por aquí diante os Reis Magos cos seus camelos e os cofres cheos de ilusión e tanto doce. Poucas cousas me parecen máis divertidas que deslizarse nunha zorra por un outeiro branqueado, facer batallas de bólas ou pisar o solo e escoitar a cada paso o renxer xordo da neve ó escachar. E a ver quen non probou a pescar as folerpas coa lingua algunha vez ou a morder un anaco de neve coas mans empapadas e os dedos ateridos de frío.

Os Campos de Castela que abeiran as lendas do Cid e ós que adicou Machado os versos máis fermosos tamén amenceron sen cor algunha. A muralla de Ávila, o acueduto de Segovia ou a fascinante Alhambra granadina amosan estes días unha estampa azucrada e case idílica para retratar o inverno. Pero é que hoxe temos neve ata na sopa. Nos titulares e no saco da avaricia. Ata o Congreso dos Deputados está de neve ata arriba. Nestes tempos nos que as altas temperaturas son noticia en outubro e a chuvia é un agasallo desexado de Noitevella, vai e cáenos unha boa nevada para cubrir a paisaxe da corrupción política e, xa de paso, afastar un pouco alomenos a complicada situación catalá.

Só unhas horas antes de que a neve se convertera en noticia, crucei a Meseta, coa lembranza dun paseo á beira do Duero, entre álamos que acubillaron o amor de Antonio e Leonor. Levaba a sospeita na punta do nariz, logo de contar catro, cinco, seis e ata sete quitaneves na beiravía das arterias que unen a nosa Galicia verde de Rosalía con Castela. Soria, Burgos, Valladolid, Palencia... tiñan avisos de ata menos nove graos para pasada a Noite de Reis. Non adiamos a volta.

Antes de albisar os cumes brancos dos Tres Bispos, e sentir a caloriña da casa e os pés xélidos, os meus pequenos tiveron tempo de botar unha pequena soneca. Ó espertar, a maior contou que soñara na véspera de Reis cunha árbore de Nadal ateigada de agasallos. Tantos había que non era quen de abrir a porta. Canda ela estabamos todos. Non faltaba ninguén. E ó mirar pola ventá descubriu que estaba nevando.

Comentarios