Nevarada

As nevaradas escorregaron polas levadas de febreiro e descubriron a paisaxe que habitaba muda baixo o xeo. E estoura, coas violencia estridente das mimosas, a luz de marzo.

Un día alguén berrou: Galicia non se vende! e unha pintada nunha parede contestoulle: Non se vende, regálase! Os famosos 500 metros para a construción no litoral supuxeron un paso que foi excesivo para uns e escaso para outros.

A toma de conciencia dos valores paisaxísticos e patrimoniais dun país non é exercicio doado. A crítica debe ser sa e, sobre, todo, útil. Han turrar os intereses e hase encontrar a vía do diálogo para conciliar posicionamentos. Os cidadáns teñen o deber de amosar a súa actitude crítica coas decisións nas que non están de acordo.

O servilismo -ás siglas por un lado e aos votos polo outro- só pode empobrecer os discursos e urxe a discrepancia dentro do respecto para avanzar. Iso si, cómpre non deixarse cegar nunca polo fume das decepcións que fagan esquecer o punto de partida real. O que recuamos. O que avanzamos.

Por iso, e trala nevarada da campaña, a primavera post-eleccións, o momento en que todos veremos o que había tanxible abaixo de tantas promesas de xeo. Os votos non se venden nin se regalan. Gáñanse. Velaí a verdadeira democracia.

Comentarios