Navia de Suarna estrea a primeira 'superavoa' de Yoseba MP na provincia

Unha veciña da localidad transformou a facahda da súa casa co retrato dunha muller naviega vista polos ollos do artista coruñés
Alumnado do CPI de Navia de Suarna fronte ao mural. EP
photo_camera Alumnado do CPI de Navia de Suarna fronte ao mural. EP

Marina López Gómez estaba cansa dunha das fachadas da súa casa natal en Navia de Suarna. Cando coñeceu as superavoas que Joseba Muruzábal -máis coñecido como Yoseba MP- retratou polas vilas coruñesas, lucindo os grelos recén collidos da horta ou facendo equilibrios sobre as bombonas de butano, sorprendeuse soñando con elas nesa fachada.

"Pensei que era imposible, pero ao final chameino", conta. E Yoseba, que tamén soñaba con pintar un oso ao carón dunha superavoa, aceptou, "pois só podería pintalo alí, nos Ancares", di. Así naceu A reposteira dos bosques, o primeiro mural, aínda por rematar, do artista fóra da Coruña, e do que este mércores estivo falando nos centros educativos de Cervantes e Navia de Suarna.

O alumnado do centro naviego, ademais, visitou antonte o mural in situ, para ver como unha veciña súa se convertía, baixo a mirada deste artista, nunha superheroína que sae ao bosque para compartir co oso pardo as chulas típicas naviegas. Porque todos os murais de Yoseba son mulleres reais, con nome e apelido.

"Cantos de vós tedes avoa?", preguntou aos pequenos. Todos levantaron a man. Seguiu: "Cantas traballan a horta?". E volveron levantar a man. "E vós, traballaredes igual canto teñades oitenta e tantos?". O artista nado en Cambre fíxolles pensar na extraordinaria forza das súas avoas. No extraordinario das súas historias. No falso que é ese relato de que "traballaban os homes". Na forza que invertiron en coidar, en alimentar os porcos, en cociñar cada prato diario, en sachar a horta. No orgullo que hai en iso todo.

Aínda que Yoseba situase esta veciña de Navia a carón dun oso, asegura que non fala dunha "forza mítica", senón dunha "forza real, a forza que lles outorga o minifundio", comenta. El, de avoa navarra, sabe que as galegas son distintas por iso, "porque é un pecado ter unha leira sen traballar, por ese contacto coa terra ao longo de toda a vida. En Galicia é doado atopar avoas con súper poderes en todas partes", afirma.

A de Navia de Suarna é, ademais, a primeira superavoa impulsada grazas a unha iniciativa privada, ao soño de Marina López naquela fachada que consideraba "triste" na súa casa e que agora mudou por completo. Yoseba aínda non rematou o mural, pero xa lle agarda outro en Guitiriz, para comezos de novembro. Non será por superavoas!

Comentarios