Imprimir

Candidaturas mariñás do BNG denuncian o bloqueo das súas contas en Facebook

D.V. / Redacción | 16 de mayo de 2019

Conta bloqueada do BNG de Cervo. EP
Conta bloqueada do BNG de Cervo. EP

A rede social suspendeu temporalmente varios perfís do BNG tras recibir "denuncias falsas"

As candidaturas do BNG en Xove, Cervo e Barreiros denunciaron nas últimas horas o bloqueo das súas contas en Facebook tras recibir "denuncias falsas".

O candidato nacionalista á alcaldía de Xove, Xosé Hermida, explicou que, ao longo desta semana, persoas afíns ao PP presentaron denuncias falsas ante Facebook para que a páxina do BNG de Xove fose cancelada por "contido inadecuado, igual que se estiveran a publicar pornografía, cando o único que facemos é espir as falsidades do PP e explicar as nosas propostas do programa electoral".

Pola súa parte, Diego Fernández, candidato do Bloque en Cervo, tamén denunciou que a súa páxina de Facebook foi bloqueada e xestiona recuperala. "Os avisos que Facebook recibiu por parte de particulares polo noso suposto uso fraudulento da rede forman parte dun ataque deliberado para silenciarnos e facernos dano", di.

Dende o BNG defende a importancia das redes sociais pois "este modo de comunicarse contrasta coa petulancia e insolencia doutras formacións como o PP de Cervo que recentemente repartiu en todas as casas do municipio un boletín propagandístico".

Tamén o Bloque de Barreiros tivo que sufrir o bloqueo da súa conta nesta rede social. "A nosa páxina volve estar en activo tras non poder facer uso dela por denuncias masivas", apuntaron desde a candidatura tras lograr reactivar o perfil o pasado 14 de maio.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/a-marina/nacionalistas-xove-cervo-barreiros-denuncian-bloqueo-das-suas-contas-facebook/201905161957401376778.html


© 2019 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)