COSPEITO

Nacemento sobrenatural para un ben inmortal

As augas da Lagoa de Cospeito, que fan latexar hoxe o corazón da Terra Chá, tiveron a súa orixe nun castigo divino que supuxo que a vila de Valverde ou de Veria, da que moitos aínda falan, quedase asolagada

Ventá á Lagoa de  Cospeito. M.ROCA
photo_camera Ventá á Lagoa de Cospeito. M.ROCA

Poboación
O concello cospeités conta con 4.665 habitantes censados, dos que 2.258 son homes e 2.407 son mulleres, segundo os datos do Ine de 2017.
Vista atrás
A mediados do século XX, o Instituto Nacional de Colonización iniciou os trámites para a construción dos centros cívicos do Arneiro e de Veiga do Pumar, ademais do de Matodoso en Castro de Rei, que supuxeron, xunto á chegada de novos veciños, a adopción de modernos criterios de aproveitamento parcelario que marcaron a transformación da comarca.
Curiosidades
O ciclón Klaus derrubou en 2009 as dúas torres do Arneiro e Momán que, co sistema Consol, guiaban os submarinos da Alemaña nazi.

TRADICIÓN ORAL e historia veñen da man desde hai séculos en Cospeito. Lendas, mitos e acontecementos que se conxugan á perfección e que tratan de explicar a evolución do lugar, desde a vila de Valverde, tamén chamada Veria, ata Feira do Monte, pasando por numerosos vestixios dos castros, a Idade Media, vilas señoriais, castelos ou as revoltas irmandiñas.

Falar da vila de Valverde é falar da orixe dun dos emblemas non só do concello, senón de toda a Terra Chá, como é a Lagoa de Cospeito. A súa creación semella que non tivo nada que ver con causas naturais, tal e como se recolle nunha lenda coa Virxe María como protagonista e con varias versións, pero na que o resultado é o mesmo: a desaparición de Valverde baixo as augas como castigo pola ausencia de solidariedade dos seus habitantes cun mendigo, que era a propia virxe, que pedía acubillo.

Segundo esta lenda, María, disfrazada de pobre, chegou a Valverde, unha vila moi importante antigamente, e pediu esmola polas casas, sendo rexeitada en todas, polo que abandonou o lugar e marchou ata unha casa próxima nunha ladeira dun monte. Alí, unha familia moi humilde acolleuna e incluso matou a única becerra que tiñan para darlle de cear ao mendigo, o cal insistiu despois en que botaran os ósos restantes nas cortes.

Á mañá seguinte, o hóspede foi á habitación dos donos da casa e díxolles que foran muxir as vacas e poñer os becerros a mamar. O home respondeu que como ía facer iso se a única becerra a matara para cear, ao que a virxe respondeu: "Tan certo é que tes becerros e vacas como que a vila de Valverde afundiu nas augas". Dito isto, desapareceu misteriosamente.

Mito ou non, semella que na localización designada co nome de Veria, hoxe A Lama de Santa Cristina, houbo un asentamento de poboación lacustre que foi asolagada pola auga. O certo é que hai estudos que confirmarían posteriormente a existencia baixo esta lagoa de restos de tellas, ladrillos, ferros e outros materiais, algo do que incluso falan os veciños de máis idade, que aseguran que, cando viñan as secas no verán, se vían as chemineas ou os tellados dalgunhas das casas afundidas ou se escoitaban as badaladas das campás da torre da igrexa.

Tras o castigo divino, non só foi o fin a vila de Valverde, senón que apareceu unha capela no alto do monte, preto da casa na que acolleron á Virxe María, a cal hoxe é chamada Nosa Señora do Monte, que ademais é a patroa da Terra Chá e á que se lle garda gran devoción. De feito, antano celebrábase unha sonada romería, a Festa das Cruces, que tiña como visita obrigada a Fonte da Virxe, que está a poucos metros do templo.

Dende alí, o punto máis alto de Feira do Monte, no que tamén se habilitou o chamado mirador da Terra Chá, o concello e a comarca chairega esténdense aos pés de quen sobe ao lugar para deleitarse coas vistas e ver tamén a Lagoa de Cospeito, ao redor da que seguen xirando historias e o día a día dos habitantes da zona, como un símbolo da súa identidade e un recuncho de paz e de natureza.

A recuperación que se fixo nas últimas décadas deste humidal fai que sexa un dos mellor conservados e adaptados para os visitantes, pero tamén é o refuxio ideal para un gran número de aves que chegan desde o norte de Europa para pasar o inverno e outras moitas, ademais doutras especies de fauna e flora, que comparten este hábitat durante todo o ano.

Ao abeiro da lagoa, declarada Espazo Natural en Réxime de Protección, xurdiron outros recursos turísticos e de formación, como é o centro de interpretación, o Museo das Aves ou rutas de sendeirismo.

Os recordos da vila de Valverde ou de Veria quedan patentes tamén no uso que se fai dos seus nomes en ámbitos do máis variado. Así, no ano 2002 creouse un grupo de folk chamado Veria, unha denominación que tamén se pode atopar no sector hostaleiro, como no caso dos apartamentos turísticos da aldea celta Citania de Veria. Ademais, o centro de día de Feira do Monte leva o nome de Vila de Valverde.

En definitiva, unhas augas que desde que xurdiron non deixaron de estenderse, tanto física como sentimentalmente, como o latexo continuo do corazón da Terra Chá.

CO OLLO ABERTO
Árbores senlleiras. A coñecida como Carballeira de Muimenta, ao pé da igrexa vella, vén de ser incluida hai pouco no Catálogo de Árbores Senlleiras. Catro carballos e un freixo de grandes dimensións integran esta formación singular.
Mirador da Terra Chá. É o lugar máis alto de Feira do Monte, desde o que se pode ollar a Lagoa e boa parte da comarca chairega.
CANCIONEIRO
Para botar un pé. É o título do primeiro e único traballo discográfico do grupo de folk Veria, que viu a luz en 2007.
Caldaloba. Foi un grupo de música tradicional que chegou a sacar un disco como premio por gañar o certame Galicia Sons Folk de 1998.
POR ESCRITO
Poema. "Nas veigas de Moimenta os poltros novos/ correrán entre a ierba e o retroballo /das froles, que lles chegan ao fuciño" son algúns versos dun poema do abadinés Aquilino Iglesia Alvariño, que dá nome a unha asociación cultural en Muimenta.
Revista. A citada entidade creou en 1984 Cómaro, unha publicación de carácter local da que se editaron doce números ata 1997. En 2015, un grupo de veciños reeditou a revista para recoller as cousas da parroquia durante un ano no século XXI.
CON MOITO GUSTO
Filloas. Ovos, fariña, auga e sal. Unha receita que segue presente hoxe despois de pasar de xeración en xeración. Este manxar típico galego ten a súa propia festa na localidade de Muimenta. Xurdida hai 27 anos ao abeiro da Moexmu para axudar ao seu financiamento, a Festa da Filloa foi recoñecida hai unha década como de interese turístico galego.
PARA SENTIR
San Paio dos Redos. A Cofradía de Amigos de San Paio dos Redos creouse hai 28 anos para recuperar una antiga romería na carballeira da parroquia de Sistallo, que acolle cada ano centos de persoas.
Xogos tradicionais. Os de máis idade gozan como nenos e os máis pequenos desfrutan coñecendo novas formas de xogar en Xotramu, un encontro sobre xogos populares que cumpre dez anos.
CANTO CONTO
Revolta Irmandiña. Na Torre de Caldaloba —declarada BIC en 1994—, resistiron Constanza de Castro, filla do decapitado mariscal Pardo de Cela, e o seu marido Fernán Ares os ataques do gobernador Diego López de Haro, enviado polos Reis Católicos para poñer orde en terras galegas .
Encanto da Pena. Estaba unha muller cun cocho e chegou un home que llo quería mercar coa condición de que o que lle daba o tiña que gardar e non abrilo ata chegar á casa. A muller non fixo caso e o ouro que lle deu converteuse en carbón.

Comentarios