Meira 2009

Un nacemento para honrar unha longa historia

A Confraría Nosa Señora do Pedregal xurdía ao amparo da tradición relixiosa da localidade e, unha década despois, a súa creación medra cunhas fortes raíces e coa implicación de toda a comunidade

Procesión do Santo Encontro en Meira, no ano 2009. TEÓFILO LÓPEZ
photo_camera Procesión do Santo Encontro en Meira, no ano 2009. TEÓFILO LÓPEZ

Por que?
Se hai un concello que teña unha longa tradición relixiosa, ese é o de Meira co seu pasado de esplendor cisterciense, traído ao presente coa creación dunha confraría en 2009.
Progatonista
Nosa Señora do Pedregal foi o nome escollido para bautizar a confraría. Non é casualidade. Tiñan claro que querían dedicarlla á virxe, Nosa Señora, e escolleron o ‘apelido’ de Pedregal, pola relevancia que ten o berce do Miño.
Un chisco de historia
No ano 1143 fundábase o mosteiro meirego da man do abade Vidal, monxe da orde do Císter chegado de Claraval. Entre 1185 e 1225 construíase a igrexa, consagrada hai 761 anos, un 3 de xuño, data que durante moito tempo se conmemorou coa celebración dunha feira anual, xerme da actual —un decreto real de 1707 autoriza a Meira a facela e prohíbe outra o mesmo día nun radio de 30 quilómetros—. A desamortización de Mendizábal, en 1835, supuxo o fin da comunidade monástica. En 1931, Santa María de Meira foi declarada monumento nacional.

A CONFRARÍA NOSA Señora do Pedregal de Meira suma hoxe preto de 500 confrades, unha cifra que sextuplica o número de persoas que contou a primeira reunión para crear a entidade, o xerme de todo o que despois viría e do que se dará detallada conta na publicación dunha revista con motivo do décimo aniversario, que verá a luz o vindeiro 22 de xuño.

Nesa recompilación, cobran especial importancia os primeiros pasos dados para chegar ata o día de hoxe, no que a confraría organiza non só os actos de Semana Santa, razón primixénea e fundamental da súa fundación, senón outras moitas actividades ao longo do ano, coma o belén vivinte no Nadal, as alfombras do Corpus Christi, a batukada das festas patronais ou a recuperación dos cabezudos.

O 22 de febreiro de 2009 constituíase oficialmente a Confraría Nosa Señora do Pedregal, tal e como se recolle na web Galicia Digital: "Recordamos con alegría aquela tarde, fría e case escura de domingo de feira, que esperamos nunca se borre das nosas mentes. Certo é que a cousa se botou a andar con medo, moito medo, pero pouco a pouco foi dando pequenos pasos, ata que todo se empezou a organizar, sinxelamente, pero con moita ilusión".

Menos de dous meses despois, o 10 de abril de 2009, saía a primeira procesión do Santo Encontro, a única que se organizaría naquela primeira conmemoración da morte e resurrección de Cristo e na que participarían 80 persoas.

Aquel primeiro ano, os confrades vestiron as albas do crego, dado o pouco tempo que tiveron para organizar todo, pero conseguiron sacar adiante unha procesión "pequeniña" que dende aquela non deixou de medrar, en cantidade e en calidade.

O vestiario profesionalizouse, coma quen di, e escolleuse o granate como cor identitaria da confraría, e mercouse a figura do Cristo Nazareno para acompañar a da Virxe das Dores. Cada vez son máis os participantes, no que supón unha auténtica actividade interxeracional, xa que os nenos e as nenas se poden sumar dende ben pequeniños. Abonda con que teñan tentos para suxeitar o tambor. E o programa de actividades foise ampliando, organizando o Domingo de Ramos, coa procesión da borriquiña, unha penitencia comunitaria, a tamborrada nocturna e a clásica procesión do Santo Encontro.

Nesta última Semana Santa, coincidindo co décimo aniversario, foise un paso máis alá e promoveuse unha irmandade con dúas confrarías da Pontenova que terá continuidade no tempo. De feito, representantes da Nosa Señora da Esperanza e do Cristo da Agonía acudiron esta ano á tradicional xuntanza anual da confraría, que se celebraba por primeira vez tamén en 2009, o Día das Letras Galegas, data que permaneceu inalterable no tempo e na que se aproveita para oficiar unha misa na igrexa de Santa María e para celebrar a asemblea anual da entidade.

Naquela primeira convocatoria xuntáronse no pavillón municipal máis de 200 persoas, ao ser convidados non só os confrades, senón tamén veciños e todos os que colaboraron para sentar as bases do que dez anos despois é unha confraría consolidada nun pobo xurdido ao redor da relixión e que ten a igrexa de Santa María e o seu famoso rosetón como un dos seus principais emblemas, testemuña viva dun pasado distintivo.

A rehabilitación dos retablos e da Sala das Reliquias do templo, a adhesión á Asociación de Mosteiro do Císter en Galicia (Acisal), o traballo para que se recoñeza oficialmente a Vía Rexia como un itinerario de peregrinación son outros dos pasos dados nos últimos anos dende Meira para que a localidade sexa tamén un referente cultural, social e turístico.

En 2009 tamén pasou...

Abadín 
▷ Celébranse distintos actos para conmemorar o centenario do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, natural de Vilarente e que lle dá nome ao centro educativo da localidade.

Begonte 
▷ Un pai e o seu fillo asaltan o 17 de xaneiro a oficina do Pastor en Baamonde e son detidos, o primeiro na caixa forte e o segundo, logo dunha persecución. En maio o banco sofre outra tentativa de roubo cun butrón e en xuño é o estanco de Baamonde o que é vítima dun asalto. Levan 650 cartóns de tabaco.

Castro de Rei 
▷ En outubro deteñen a boa parte do equipo de goberno na chamada operación Rei. Sete anos máis tarde todos os procesados serían absoltos pola Audiencia Provincial.

Cospeito
▷ Inaugúranse a granxa escola Garabullos, o polideportivo de Muimenta co nome de Francisco Javier López Anllo e o concurso de tapas de Muimenta, que celebra dúas edicións (agosto e decembro).

Guitiriz
▷ Os veciños de Roca recuperan a figura da ‘veciña’ para comprarlle ao Concello a escola da parroquia. Firmouse o acordo en setembro.

Muras 
▷ Norvento organiza un simulacro de rescate na cima dun eólico do parque de Coruxeiras. 

A Pastoriza
▷ Celébranse o 20 de setembro a primeira Festa do Requeixo e o primeiro concurso de habilidades co tractor.

Vilalba
▷ O escritor Agustín Fernández Paz é homenaxeado pola AELG nas Fontiñas o 20 de xuño, tres días antes de que os Príncipes de Asturias lle entregen o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil en Teruel.

Xermade
▷ Un gandeiro de Momán aluga a súa explotación gandeira, con 115 hectáreas de terreo e máis de 180 cabezas de gando, ademais de maquinaria. Uns veciños quedan con ela.

Pol 
▷ O xogador de baloncesto Juan Carlos Navarro asiste ás festas de Santa Isabel xunto a súa familia de Gomesende. 

Ribeira de Piquín
▷ A ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, realizou unha visita á piscifactoría o 21 de febreiro.

As Pontes 
▷ A Xunta impermeabiliza de urxencia os noiros da AG-64 nas Pontes ao contaminar as augas do río. 

Comentarios