O Museo de Pontevedra adquire os orixinais do Álbum Nós de Castelao

"Hoxe é un día grande para o Museo con todas as letras", destacou César Mosquera
O álbum pasará a formar parte da ampla colección que o Museo dedica a Castelao. DEPUTACIÓN
photo_camera O álbum pasará a formar parte da ampla colección que o Museo dedica a Castelao. DEPUTACIÓN

O Museo de Pontevedra pechou a adquisición dos orixinais do Álbum Nós, unha das obras capitais de Castelao, que pasarán a integrarse na ampla colección que esta institución cultural dedica ao coñecido autor galego.

"Hoxe é un día grande para o Museo con todas as letras", destacou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, responsable político do museo pontevedrés, que lembrou que "o máis relevante da obra de Castelao está neste museo".

As 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o exlibris que pecha o álbum pasarán a formar parte dos fondos en propiedade do Museo, tras telas en depósito desde 2016.

O Museo chegou a un acordo cos actuais propietarios do Álbum Nós para manter o seu anonimato e as condicións da venda ata a firma formal da escritura, que se realizará nos próximos días tras rubricarse un precontrato.

Esta compra, segundo o vicepresidente provincial, ten unha "gran transcendencia" porque se trata do conxunto de pezas máis importante de Castelao e permitirá completar a colección do museo, que conta con preto de 2.000 obras do autor de Rianxo.

O prezo no que se pechará a venda non transcendeu para "non poñer en risco" a operación, aínda que desde a Deputación aseguran que as condicións son "moi vantaxosas".

Esta operación foi comunicada á Xunta de Galicia, xa que pola Lei de Patrimonio Cultural tiña dereito de tenteo e retracto ao ser un ben de interese cultural, pero o goberno galego descartou facer uso dese dereito en favor do Museo de Pontevedra.

O director do Museo, José Manuel Rey, destacou o "capital simbólico" que supón o Álbum Nós para esta institución, xa que lembrou que Castelao fíxoo nun momento "crucial" da súa evolución artística e ideolóxica, promovendo a defensa de Galicia e buscando espertar a conciencia colectiva.

"Ten un irrenunciable valor artístico, histórico, social e político e unha significación cultural e identitaria”, subliñou Rey, que reivindicou o papel do museo "á hora de configurar un relato lúcido sobre a guerra, a represión e o exilio que axuden a entendernos como país".

Ambos os dirixentes estiveron acompañados da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que destacou que o Álbum Nós permanecerá "onde Castelao quería", como dixo o propio autor "en reiteradas ocasións" pola súa vinculación con este museo.

"Estas obras que pertencen a todo un país teñen que estar en mans do público para goce de todos", sinalou Silva, que destacou que este material ten unha "carga enorme" desde o punto de vista histórico, política e cultural.

Comentarios