A muralla, un símbolo ben protexido

XESTIÓN AUTONÓMICA ►Nestas datas cúmprense 19 anos desde a declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. A Xunta, como titular do monumento e responsable da súa xestión, mantén un especial coidado e atención constante deste ben mundial con actuacións planificadas para a súa conservación e posta en valor
Muralla de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Muralla de Lugo. XESÚS PONTE

A MURALLA de Lugo destaca por ser o símbolo dunha cidade que ten as súas orixes nos comezos do Imperio Romano, a antiga Lucus Augusti, pero tamén por ser un dos referentes patrimoniais máis senlleiros de Galicia. Os seus indubidables valores van máis aló da súa condición de ser a única muralla romana do mundo que conserva a súa traza completa.

Trátase dun ben cultural significativo e integrado na cidade de Lugo desde o punto de vista urbanístico e social, xa que funciona como un espazo público utilizado na actividade cotiá dos lucenses e visitado cada vez máis por xente foránea.

Estes valores históricos, patrimoniais e sociais fixeron que o 30 de novembro do 2000 a muralla Lugo fose declarada pola Unesco como monumento Patrimonio da Humanidade. Esta distinción permitiu que a muralla estea cada vez máis presente na vida e nas vivencias dos lucenses e do resto dos galegos, e ao mesmo tempo, sexa moito máis difundida e mellor coñecida no ámbito nacional e internacional.

Desde aquela data, a Xunta de Galicia, como titular do monumento e responsable da súa xestión, mantén un especial coidado e atención constante deste ben mundial con toda unha serie de actuacións planificadas que teñen a finalidade última de conservar, protexer e difundir aqueles valores polos que a muralla de Lugo foi declarada Patrimonio Mundial.

Mantemento

Ademais de facer un programa de mantemento sistemático e todas as obras de conservación e restauración necesarias para garantir o mellor estado do monumento, a Xunta, a través da Consellería de Cultura e Turismo, financiou un gran número de traballos e actividades de investigación sobre o monumento. A maior parte deles de carácter arqueolóxico e construtivo, xunto con outros destinados a caracterizar os axentes patóxenos e as causas de deterioro.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural leva a cabo un control constante e periódico da evolución do estado de conservación da muralla a través de accións de limpeza e mantemento xeral nas que se inclúe a reparación de muros e fábricas que sufren danos causados por factores como a climatoloxía, a contaminación, a degradación dos materiais e os actos de vandalismo; a eliminación de enfoscados de cementos, pintadas, restos de instalacións antigas en desuso; o mantemento da iluminación do adarve e tamén a eliminación da vexetación dos lenzos da muralla, que se fai de xeito manual.

A comezos deste ano contrataronse as obras de conservación e mantemento do bienio 2019-2020 por importe de 235.000 euros.

Actuacións

Tamén se levan a cabo actuacións puntuais sobre sectores concretos da muralla, principalmente sobre algunha das súas portas ou torres. Estes proxectos combinan os traballos de consolidación e restauración que permiten corrixir os problemas existentes na estrutura (gretas, deformacións, humidades...), cos de carácter histórico a través da escavación destes espazos con metodoloxía arqueolóxica, que contribúe á súa correcta documentación e ao seu mellor coñecemento ao longo da súa historia. Cando as estruturas descubertas nestas actuacións resultan singulares lévase a cabo a súa musealización e posta en valor para o desfrute e coñecemento da cidadanía en xeral.

Os traballos máis recentes, que se acaban de realizar ou se executarán proximamente no marco do programa Feder Galicia 2014-2020, son a consolicación e restauración integral dos cubos LXX e LXXI -á altura do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia- e a restauración integral dos cubos XIX -á altura de Porta Miñá- e LXX -xunto á porta de San Fernando-. Estas obras fixéronse no 2018.

Os cubos LXX e LXXI presentaban danos na súa fábrica relacionados co colapso da estrutura de placas de formigón armado, colocada nos anos 70 do século XX na chamada Operación Muralla Limpia, fronte ao peso do recheo colocado, que provocaba filtracións de auga na base dos cubos. A intervención consistiu no baleirado dos cubos, demolición das placas de formigón, execución dun novo sistema estrutural a base de muros e contrafortes e novo pavimento de acabado. Tamén se procedeu á escavación arqueolóxica destes espazos, o que permitiu constatar a presencia das escaleiras orixinais romanas en ambos cubos, que finalmente foron tapadas.

O máis destacado da restauración integral dos cubos XIX e LXXX foi a posta en valor das escaleiras localizadas no XIX, dada a súa especial singularidade, xa que presentan unhas características diferentes ao resto de escaleiras localizadas ata o momento na muralla, ao ser de menor tamaño e con emprego de granito.

Para o bienio 2019-2020 está previsto iniciar en breve a restauración do cubo XXXI, próximo á porta de Santiago, á altura da rúa Clérigos. O custo da obra será de 150.000 euros. Tamén se poñerán en valor o túnel e o depósito localizados no 2016 durante a intervención do cubo VI. Esta actuación está a espera da sinatura dun convenio entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.

Neste ano 2019 estase a rematar a fase I da consolidación estrutural do cubo VII, situado á altura da porta do Bispo Odoario e do IES Xoán Montes, cun investimento de preto de 275.000 euros e financiada a través do 1,5% Cultural. Estes traballos servirán para consolidar e restaurar o cubo, para corrixir as gretas que presenta e evitar as humidades que afectan á estrutura. Tamén permitirán indagar sobre a historia e funcionalidade da muralla romana, dado que se podería investigar a presenza ou non de escaleira interior que daba acceso ao adarve, así como recompilar información e liberar un espazo abovedado que a mediados do século XX foi utilizado para acoller un centro de transformación eléctrica.

Labor multidisciplinar

A Xunta procura que as actuacións sobre a muralla teñan un carácter cada vez máis interdisciplinar. Aos traballos propios de conservación e restauración e aos de carácter histórico e arqueolóxico engadíronse outros de carácter medioambiental coa realización de estudos sobre novos métodos de control da vexetación que prolifera no monumento, máis respectuosos co medio ambiente, a través do uso de aceites esenciais. Un método que supón unha alternativa ao uso de herbicidas convencionais. Complementariamente, leváronse a cabo estudos sobre a situación da poboación da fauna protexida que aniña na muralla, como o cirrio común, e a avaliación da incidencia dos tratamentos fitosanitarios sobre a presenza das ditas especies.

Ademais, fixéronse obras para favorecer a accesibilidade como a instalación dun ascensor á altura dos xardíns da Deputación, inaugurado no 2015, para facilitar o acceso ao adarve.

Aniversario. Balseiro invita aos lucenses aos actos conmemorativos
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, invitou aos lucenses a sumarse á celebración do aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, "porque ante todo o monumento é patrimonio dos veciños e veciñas de Lugo, para os que ten un valor identitario", sinalou. Con motivo desta efeméride, a Consellería de Cultura e Turismo —departamento responsable da xestión da Muralla— organizou na Delegación Territorial da Xunta en Lugo senllos actos para este domingo e o luns, con acceso libre e gratuíto.

Concerto
Así, este domingo a orquestra de música clásica Luca (Lugo Camerata) ofrecerá un concerto no salón de actos, ás 20.00 horas, no que interpretarán obras de Sibelius, L.E. Larsson, A. Piazzolla, E.Elgar e B.Britten. A duración aproximada será dunha hora.

Mesa redonda
O luns terá lugar no mesmo escenario a mesa redonda A Muralla: Patrimonio e Turismo para abordar o impacto que tivo a declaración pola Unesco no atractivo turístico do monumento e da cidade e como axudou a un maior coñecemento da capital. A cita será ás 19 horas e nela intervirán como relatores Mario Crecente, arquitecto, consultor turístico e profesor; Tito Concheiro, arqueólogo e divulgador cultural, e os xornalistas Paco Nieto e Paco Rivera. Estará moderada polo xornalista José Luís Ramudo.