Blog | El Ala Oeste

A muller que sempre estivo aí

Ana Pontón, unha das deputadas máis veteranas do Hórreo, mudou o discurso e a imaxe do BNG para rescatalo das cinzas e convertelo en catro anos na segunda forza política de Galicia

HAI UNHA CONTA trol no Twitter, Pontón xa era deputada, que chancea cos anos que leva a actual líder do BNG vivindo da política. E algo razón non lle falta. A de Sarria é unha das deputadas máis veteranas do Parlamento malia súa xuventude —cumprirá os 43 nuns días—, xa que obtivo a súa primeira acta ben avanzada a VI Lexislatura, alá por 2004, cando substituíu a García Negro. E desde entón sentou no Pazo do Hórreo e non parece que vaia erguerse en bastante tempo. Para facerse unha idea da súa xesta, daquela época só sobrevive Miguel Santalices, o máis veterano, e xente como D i e g o Calvo ou Susana López Abella, que a diferenza dela non acamparon no Hórreo de forma permanente.

Pero onde a conta trol de Twitter ve un motivo de crítica outros ven unha das verdadeiras fortalezas de Ana Pontón: a experiencia. Esa mesma que a l e - vou a converterse na máxima responsable do BNG, na líder da oposición e, en definitiva, na política de moda en Galicia.

Conste que Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977) xa empezou a mamar a política bastante antes de entrar pola porta do Pazo do Hórreo. Desde as épocas de instituto en Sarria, cando con 16 anos ingresou en Galiza Nova; e máis tarde en Santiago, na súa etapa universitaria, tanto nesa formación xuvenil do BNG —na que entre 2000 e 2003 chegou a ser a número dous baixo o mando doutro lucense, Rubén Cela— como en movementos universitarios como os CAF, onde algúns dos seus compañeiros lembran que "xa destacaba".

Na súa longa traxectoria na política, que iniciou aos 16 anos en Galiza Nova, o ano 2020 é especial pola súa maternidade e polo 12-X

Esa militancia xuvenil foi a súa porta de entrada ao aparato do partido, xa que Pontón sempre foi da corda da UPG —pero nunca da de Beiras—. Pasou a integrarse no consello nacional e, logo, xa no grupo parlamentar, onde nos primeiros anos se ocupou de temas como a xuventude ou a igualdade, destacando xa pola súa boa oratoria. O seu peso crecente converteuna en vicevoceira e, cando Carlos Aymerich abandonou o Parlamento en 2012 logo do conflito de Amio, Pontón subiu o seu primeiro gran chanzo no BNG ao converterse na voceira durante uns meses, ata que rematou esa lexislatura.

En plena travesía do deserto do BNG, nas etapas de Guillerme Vázquez e Xavier Vence, Pontón mantívose firme no seu escano como número dous de Jorquera, esperando que chegara novamente a súa oportunidade. E fíxoo ao remate dese mandato. Vence marchou, Pontón postulouse para a portavocía nacional do BNG e o 28 de febreiro de 2016 converteuse na primeira muller en liderar o Bloque e na candidata á Xunta.

A nova líder salvou os mobles como puido nos comicios dese outono, con 6 escanos que incluso superaban os que lle daban algunhas enquisas. E incluso sacou petróleo do seu pequeno grupo parlamentar, ao que moitas veces conseguiu converter no verdadeiro líder da oposición, marcándolle a axenda a PSdeG e mareas. E é que, no fondo, de algo tiña que servir a experiencia nun Parlamento que Pontón soubo converter no seu hábitat natural.

O GRAN SALTO. Que milagre obrou entón Ana Pontón para rescatar o BNG das cinzas e en apenas catro anos convertelo no segundo partido de Galicia? Hai hai moitas interpretacións sobre o verdadeiro peso que tivo a súa figura na resurreción do Bloque. Hai quen lle concede moito e hai quen cre que os verdadeiros artífices son aqueles que moven os fíos por detrás. O normal, porén, é que sexa unha combinación de ambos.

Pontón representa unha nova xeración de nacionalistas xunto con outros nomes dos que se rodeou cando chegou á dirección. O seu primeiro éxito foi crear un equipo sólido, tanto a nivel orgánico como institucional, con veteranos do partido como Bieito Lobeira, Luis Bará, Néstor Rego ou Montse Prado e xente da nova fornada como Oalla Rodil, Noa Presas, Xavier Campos...

Logo veu a actualización do discurso do BNG. Abandonou aquelas mensaxes que desde a época de Beiras teorizaban en exceso sobre a ideoloxía e apostou por ideas forza máis terrenais. Xa non se trataba de falar sempre como se un se dirixise ao consello nacional, senón de falarlle á xente con claridade dos seus problemas. Aquí tamén tivo moito que ver o momento histórico e o contexto, xa que as mensaxes incendiarias que esixía a crispación social da crise económica non tiñan cabida no contexto actual. E o seu mérito foi que soubo velo.

E por último, chegou o cambio de imaxe. Hoxe xa non queda nada daquela Ana Pontón que parecía máis arisca e inaccesible do que en realidade sempre foi. Traballou moito nese sentido para mellorar desde o discurso á xestualidade e concedeulle á comunicación a importancia que ten en política. E nesa filosofía é onde encaixa que abrira as portas da súa casa de Chorente a todos os galegos ou que se deixe ver con total naturalidade coa súa pequena Icía polas rúas de Compostela. Di que a maternidade a cambiou.

Pero obrar todo este cambio ten detrás un traballo inxente. Horas e horas de dedicación de quen, como boa integrante do BNG, milita 24 horas ao día 365 días ao ano. Quen a coñece ben di que o traballo nunca a botou para atrás.

Por iso Ana Pontón non é o rostro amable do nacionalismo, nin o sorriso da UPG nin moitas das etiquetas que lle colgan. É algo moito máis simple que iso: unha curranta da política que se preparou para selo. Xa leva máis dun terzo da súa vida no Parlamento e agora ten a vista posta noutro asento: o da presidencia da Xunta.

O BNG pecha Amio oito anos e medio despois

OITO ANOS e medio tardou o Bloque Nacionalista Galego en pechar un dos capítulos máis intensos da súa historia: a asemblea de Amio de xaneiro de 2012 na que a organización que naquel momento agrupaba a práctica totalidade do nacionalismo galego rompeu en varios anacos.

E fíxoo definitivamente o domingo pasado, 12-X, no momento no que o reconto das papeletas sacou do taboleiro político galego as dúas sensibilidades que saíran da casa común do nacionalismo e volvían confirmar o Bloque como o único referente dese espazo político na comunidade. 

Aquel día de hai oito anos e medio, no mercado de gando compostelán, unha parte do BNG cun corte máis galeguista e que se quería parecer ao PNV marchou para sentar as bases do que sería Compromiso por Galicia. Ao mesmo tempo, outro grupo de xente partidaria de abrir o partido a pactos coa esquerda española liderada por Xosé Manuel Beiras tamén abandonaba o Bloque para iniciar unha nova aventura política, Anova-Irmandade Nacionalista.

A dobre escisión adelgazou o BNG a niveis nunca antes vistos, unha perda de referentes, músculo e base que acabou traducíndose nunha importante merma de poder institucional. Foron os anos de Guillerme Vázquez e Xavier Vence na dirección, entre Amio e 2016.

A etapa máis difícil do Bloque —na que sobreviviu grazas a que nunca perdeu a organización, a estrutura e, sobre todo, a xente— coincidiu ademais co momento máis doce daqueles que decidiran marchar. Non Compromiso por Galicia, que nunca atopou o seu espazo no taboleiro galego; pero si Anova, que aliada coa esquerda estatal —primeiro IU-EU en Age e logo tamén con Podemos en En Marea— acadou importantes cotas de representación parlamentaria e incluso poder municipal.

O resto da historia xa é coñecida. A exitosa mestura de nacionalismo galego e federalismo español dilapidou todo o seu capital político coa mesma velocidade coa que algúns fillos funden a herdanza dos pais. Ata que non queda un patacón no peto, que é xusto o que lle pasou a Galicia en Común.

Deste xeito, o BNG conseguíu pechar a súa traumática asemblea do 26 de xaneiro de 2012 en Amio o domingo 12 de xullo de 2020, cun resultado histórico que borrou do mapa o que alí naceu.

Por iso, no consello nacional do BNG celebrado onte en Compostela se escoitaba a máis dun falar dunha nova etapa. Un razoamento que ten moito de simbólico, pero tamén de real. Pechouse un ciclo político no nacionalismo galego para abrir outro que o Bloque afronta como forza hexemónica e practicamente única, con boa parte daquel capital perdido en Amio xa reintegrado a título individual e outros, chamando de novo á porta. Unha porta que, malia todo, seguirá pechada para algúns oito anos e medio despois.

Comentarios