A Mostra de Instrumentos de Pardiñas citará a uns 40 artesáns o día 1 en Parga

Afonso Castro pregoará o encontro, que inclúe un coloquio de artesáns, un concerto de Tres Pesos e a presentación do libro sobre Xosé Seivane
Afonso Castro. EP
photo_camera Afonso Castro. EP

Coma todos os eventos que congregan a numeroso público, a realización neste 2020 da XXVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional estivo no aire. Dende a súa organización, a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos, barallaban non facela, en aras da seguridade colectiva, ata que chegou a proposta da asociación Xermolos, responsable do seu marco natural, o Festival de Pardiñas, que a súa vez adaptaba o seu programa. E a idea callou. Preto de 40 artesáns manterán viva a cita o vindeiro día 1 no emblemático recinto da feira de Parga.

"Tiñamos pensado suspendela, pero a proposta de Xermolos pareceunos moi boa idea e o recinto da feira é moi chulo", explica Xaneco Tubío, presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, que agradece a posibilidade de celebrar a cita aproveitando elementos da arquitectura tradicional como son os alpendres e as mesas de pedra da feira.

"Ao non poder facer o festival coma sempre, queriamos facer algo polas parroquias e pensamos que a feira de Parga é un sitio precioso", explica o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco. Coa idea na cabeza, dende a asociación falaron coa asociación Feira de Parga, responsable do recinto, que puxo todas as facilidades para poder acoller excepcionalmente a Mostra de Instrumentos.

"Para nós é importante acoller un evento así, que atrae xente cun perfil distinto ás feiras tradicionais e que axuda a introducir Parga no circuíto cultural", precisa Suso Barreiro, presidente da Feira de Parga, que destaca a boa acollida que a proposta está a ter entre a veciñanza.

O día 1, a apertura da mostra ás 11.30 horas servirá tamén para inaugurar o mes de actos do XLI Festival de Pardiñas. A cita terá lugar nun recinto pechado, con fin de controlar o aforo, con puntos de entrada e de saída e sen os habituais obradoiros nin a posibilidade de probar os instrumentos.

Si que haberá pregón, ás 12.00 horas, a cargo do artesán Afonso Castro, que en 1986 abría o seu obradoiro de gaitas na súa Guarda natal, para un par de anos despois asentalo no Rosal. "Pensamos nel porque é un dos artesáns que estivo en todas edicións, representante da xeración seguinte á de Seivane ou Corral e un referente para os que viñemos detrás", explica Xaneco sobre a elección dun pregoeiro que se amosa sorprendido e honrado pola deferencia.

"Darei o meu parecer sobre o oficio e sobre a nosa misión como artesáns na cultura e na música tradicionais", avanza Afonso, que tamén promete agradecementos, recordos e anécdotas na súa intervención ante os compañeiros.

E haberá case 40, un número de récord nunha convocatoria que, polas especiais circunstancias que a rodean, será máis ca nunca un punto de encontro para compartir impresións sobre a profesión. De feito, ás 15.30 horas celebrarase unha mesa redonda baixo título Onte e hoxe dun oficio, para volver abrir a mostra de 17.30 a 21.00 horas. O programa complétase coa presentación, ás 13.00 horas, do libro Xosé Seivane, a gaita con maiúscula, escrito por Xosé Manuel Sánchez Rei e editado por Canela, e un concerto de Tres Pesos ás 19.30 horas.

Comentarios