Morte e sociedade no Lugo romano

Os cemiterios en Lucus Augusti estaban fóra dos recintos urbanos e localizábanse preto das portas da cidade e xunto ás vías de acceso, na Praza do Ferrol, Carril das Estantigas, San Roque e Recatelo

Tumba de inhumación en Roma. EP
photo_camera Tumba de inhumación en Roma. EP

Ara funeraria de Roma. EPComo é ben sabido, desde hai pouco máis de trinta anos, na cidade de Lugo véñense realizando numerosas escavacións con carácter de urxencia, cuxos resultados permitiron coñecer as diferentes fases de ocupación da cidade romana desde a súa fundación (15-13 a.C.) ata o final do imperio, coa ocupación sueva no ano 460 d. C.

Ademais de permitirnos coñecer importantes aspectos en torno a forma de vida da cidade tamén coñecemos algún dos conxuntos funerarios cuxos estudos, apenas esbozados, aportarán un maior coñecemento sobre o mundo funerario romano de Lucus Augusti, ao tempo que constitúen unha fonte de información excepcional para o coñecemento das sociedades antigas: a súa estrutura social, demografía, relacións de parentesco, organización familiar, costumes, economía, relixiosidade, etc.

A morte adquire un considerable valor para a análise dunha sociedade, porque transmite, como ningun outro aspecto ideolóxico, as relacións de clase. Nos rituais funerarios, nas tumbas e depósitos funerarios, e sobre todo, nos epitafios, pónse de manifesto a posición social do defunto.

O culto aos mortos en Lucus Augusti, reflíctese, como no resto do imperio, nas necrópoles ou áreas funerarias, onde se rende culto á vida de ultratumba. Por iso, como era preceptivo, os cemiterios localizábanse fóra dos recintos urbanos, preto das portas da cidade e xunto ás vías de acceso a esta.

Son varias as necrópoles de época romana que enriquecen o panorama funerario tanto na cidade como fóra dela. En primeiro lugar, cabería sinalar os conxuntos de época altoimperial como as necrópole de incineración de Praza de Ferrol e Carril das Estantiguas, localizadas a septentrión no interior do perímetro amurallado, e a de San Roque, fora dos límites da cidade romana, ao sur. De época baixoimperial ou tardorromana, destacan as necrópoles de San Roque/Campo da Feira ou os enterramentos localizados no barrio de Recatelo.

O descubrimento dun importante número de necrópoles ven aportar novos datos en torno as diferentes actitudes dos antigos poboadores da cidade ante a morte, completando aqueles aspectos necesarios para coñecer plenamente a sociedade romana da cidade.

Pero ¿cal era a ide de morte na antiga Roma? Para o romano de calquera época o máis importante foi sempre morrer con dignidade, ter acceso ao ritual necesario e a unha tumba na que repousar os seus restos, porque si un defunto non era enterrado conforme mandaban os canons, garantindo o seu regreso á terra, a súa alma víase condenada a vagar polos séculos dos séculos, roubándolle o descanso merecido.

Tales premisas non implican que os romanos temesen á morte, ou cresen cos ollos pechados na inmortalidade. Pola contra, como moitas das culturas antigas (a diferenza da nosa, que vive ocultándoa, mentres convive a diario con ela), enfrontaron a súa morte con certa naturalidade, pensando que os falecidos seguían vivindo na terra, mentres as súas almas escapaban ao ceo.

Tumba romana. EPO enterro do defunto estaba presidido por todo un cerimonial ou ritual funerario (funus) que remataba coa sepultura do cadáver ben por eliminación deste mediante cremación (incineración) ou coa súa conservación mediante sepultura en foxa na terra (inhumación). En Lucus documéntanse os dous ritos funerarios característicos no mundo romano e vixentes segundo as diferentes épocas: a incineración (no altoimperio) e a inhumación (no baixoimperio), presentes ambos os dous nalgunhas das necrópoles descubertas ata o momento.

O período dedicado ás honras fúnebres polo defunto, comprendía desde o momento do falecemento ata as últimas honras posteriores ao seu enterramento. Os textos romanos fálannos da importancia do ritual funerario no marco das relacións sociais e a comunidade. Exposición do cadáver, cortexo fúnebre, inhumatio e erección dos monumentos funerarios quedan ben reflectidos na literatura romana, pero apenas sabemos nada das manifestacións privadas ou de certos actos colectivos como os banquetes.

Como hoxe, os funerais dependían da riqueza da persoa, pero na antiga Roma, unha sociedade marcadamente clasista, esta diferenza era moi notoria, a pesar das protestas de Cicerón de que na morte non deben de manifestarse diferenzas sociais e económicas, hóuboas tanto ou máis que en vida.

A dimensión social manifestase especialmente na elección do tipo de tumba (mausoleos suntuosos ou tumbas moito máis sinxelas), e en aspectos tales como a escolla do enxoval e das ofrendas funerarias, ou na sinalización das tumbas mediante o epitafio funerario.

Os enxovais e outros obxectos funerarios nos informa sobre as características e relacións sociais, os sentimentos persoais e as crenzas relixiosas do defunto.

O emprazamento da tumba queda remarcado ao exterior por unha pedra na que se recolle a inscrición funeraria e que ten a consideración de "monumento conmemorativo", gravado en forma de ara, placa ou estela de diversa factura. Nestes monumentos, recóllese mediante unha inscrición toda a información que permite identificar ó defunto. Ademáis das fórmulas consagratorias predominan as invocacións aos deuses Manes (Diis Manibus Sacrum), como deuses protectores dos mortos, e gravavase tamén o nome do defunto, as súas características familiares e sociais (orixe,etc.), e a idade, xunto con expresións de cariño, despedida e virtudes  personais, que converten ó monumento funerario nunha verdadeira homenaxe por parte dos vivos. A inscrición remataba habitualmente coa fórmula sepulcral hic situs est (aquí está enterrado) ou sit tibi terra levis (que a terra che sexa leve).

Ao final do Imperio, apenas a cidade romana entra en crise, os enterramentos volven a intramuros, apropiándose das áreas urbanas. Neste proceso desempeña un papel determinante a expansión do Cristianismo, pois para os devotos da nova fe convértese nun privilexio a tumulatio adsanctos ou martyres, é dicir, a posibilidade de enterrarse xunto a determinadas reliquias nalgún dos centros de culto situados no interior da cidade. En Lugo temos testemuñados varios exemplos deste tipo de enterramentos intramuros, que aparecen, xeralmente, de forma illada.

Moitas das primeiras necrópoles cristianas van a coincidir topográficamente coas necrópoles de época tardorromana, e darán lugar a unha primeira xeración de igrexas suburbanas, que serán o xermolo posterior de barrios suburbanos xa na alta idade media.

Comentarios