Opinión

Morta de pena

UN PAR de amigos charlaban nunha cafetería sobre a claridade brillante que entraba ata o fondo do local por aquela enorme cristaleira de cristais grosos, miraban para o exterior con ánimo de saír e andar por aquel xardín, onde todo brotaba. Brotaban as árbores, as roseiras, as froiteiras, os carreiros de andar de terra e de terra moura, as silveiras e a herba recortada, onde se deitaban os novos e por onde corrían sen parada moitos cadelos. Os amigos miraban e entretíñanse vendo pasar a xente e calculando por aproximación a idade de cadaquén. "Aquela loura que vai co neno é a avoa; o que vén coa cadela branca é do barrio, terá os corenta e segue no paro; e aqueles que andan paseniño con cadanseu libro nas mans, son máis vellos ca nós".

Mentres tanto Galicia segue quebrando e os "representantes" do pobo bruando polas esquinas, de mar a mar, larapetando e baduando sen parar

Coñecían a todos os que se movían, menos aos dous que estaban diante deles tomando café como eles. —Cando sexamos maiores como eses que beben café, teremos tantas ganas de falar como as que teñen eles? —Naturalmente, amigo! Ah! O cristal fai de espello. —Efectivamente, vámonos! Marcharon e atopáronse decontado con Xoán, que acababa de presentarse a unha selección para un concurso televisivo nun hotel das proximidades, quen lles conta con certa incredulidade que non puido dicir que vai gastar nunha viaxe os hipotéticos cartos do premio. Ao parecer están fartos de que todos digan o mesmo e se mostren orgullosos das súas viaxes ás Quimbambas ou á Conchinchina.

"Para alí mandaremos aos políticos da actualidade, que vaian e que se queden", din os amigos da cafetería, de camiño que van para a casa, repasando entre os dous a actividade política electoral, un verdadeiro concurso no que os concursantes ganadores poderán gastar os cartos do premio na estupidez que máis lles interese, na idiotez que tanto aprecian ou, mesmo, nunha vía de comunicación rápida, por terra, mar e aire, que una Conchinchina coas Quimbambas.

Mentres tanto Galicia segue quebrando e os "representantes" do pobo bruando polas esquinas, de mar a mar, larapetando e baduando sen parar. Tampouco se recoñecen no espello. Que mágoa que, de non ser o seu embigo, non teñan para onde mirar, que non teñan de que falar, que non saiban que o seu non é o embigo do mundo. Á Tía Manuela dóelle e, tan reflexiva como é ela, chora seguido porque "estou morta de pena".

Comentarios