Monterroso pon a máscara para festexar o San Miguel

A vila ten programadas actuacións de teatro, música e maxia dende este sábado até o martes
Rocío Seijas.EP
photo_camera Rocío Seijas.EP

Serán unhas festas patronais distintas, pero non deixarán de celebrarse. Monterroso comeza este sábado con catro días de celebración do seu patrón, San Miguel, "un festexo que este ano vai antepoñer a seguridade ao espírito festivo", segundo comunicou o Concello polas súas redes.

Nese sentido, primaron as actuacións en movemento para evitar aglomeracións. As programadas para os pequenos desenvolveranse no polígono deportivo Lorenzo Varela. As actuacións para adultos terán lugar na Cúpula. Nos dous casos haberá aforo limitado por orden de chegada e control sanitario.

As actividades comezan este sábado ás 17.00 horas cun espectáculo infantil a cargo de Barafunda Teatro, para o cal a apertura de portas adiantarase ás 16.30. Ás 19.30 horas será a quenda do concerto de Candorka Trío, West Side Bones e Comando Curuxás na Cúpula. Este domingo, ás 12.30 horas, logo dun pasarrúas, tocará a Banda de Antas tamén na Cúpula, actuación que repetirán ás 19.30 horas. Todos estes concertos inclúense dentro das Experiencias no Camiño, un programa enmarcado no Xacobeo 2021. Para o público infantil, o Mago Xacobe ofrecerá aos cativos o seu espectáculo Ilusións Máxicas ás 17.00 horas.

O martes ás 10.30 horas haberá un pasarrúas a cargo da charanga Centella. O broche dos festexos virá da man da Banda Municipal de Guntín de Pallares cun concerto na Cúpula ás 19.30 horas, subvencionado polo programa Musiqueando da Deputación.

A rexedora monterrosina, Rocío Seijas, indicou que os festexos se programaron "a petición dos veciños", e servíndose dos apoios doutras institucións "para non pedir axudas a individuais ou a hostaleiros neste momento tan difícil", comentou. Seijas apuntou que no programa priorizáronse os grupos e artistas locais ou da propia contorna. Por outro lado, lembrou aos veciños a importancia de cumprir coas medidas de prevención nas reunións familiares e nas festas.

Comentarios