Monterroso consolídase como escaparate da cultura galega

A Feira do Disco e do Libro deixou boas vendas e moitas visitas, coa presentación das novidades editoriais como gran reclamo
Participantes nunha das actividades programadas para os máis pequenos
photo_camera Participantes nunha das actividades programadas para os máis pequenos

A Feira do Disco e Libro Galego de Monterroso consolidouse este sábado, na súa segunda edición, como escaparate da cultura galega ao atraer numerosas visitas e deixar boas vendas.

O grande reclamo foron as presentacións das novidades literarias e musicais, uns actos que estiveron moi concorridos. A cita tivo tamén entre os seus protagonistas aos máis pequenos, con propostas como obradoiros, concertos e contacontos pensadas para eles. O colectivo organizador, a asociación 25 Xastres, xa adiantou onte, ante a boa acollida, que a cita volverá en 2018.

A Cúpula foi o escenario desta feira, que arrancou pouco antes das once da mañá e rematou pasadas as nove da noite. Ao longo da xornada, houbo un goteo incesante de actos, entre os que destacaron as actuacións musicais en vivo, nunha carpa situada no centro das instalacións, e as presentacións de libros, nas que os seus autores asinaron exemplares.

Unha das estreas máis esperadas foi a de ‘Cairón’, o primeiro boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, que pechou a programación. Antes, falaron dos seus últimos libros escritores como Xosé Vázquez Pintor, Marcos López Concepción, Antón Riveiro Coello, Manuel Gago, Ana Vila e Ana Meilán. No eido musical, participaron artistas e grupos como Milesios, Ataque Escampe, Berlai, Xoán Curiel, Emilio Rúa ou Silvia Penide, entre outros.

A feira incluíu senllas exposicións de láminas de Juanlu Fernández e de ilustracións de Leandro Lamas, quen impartiu tamén un obradoiro infantil.

"Estamos moi contentos da afluencia de público, e houbo tamén bos números de vendas, mellores que no 2016", dicía a última hora Sergio Alba, voceiro de 25 Xastres. "Agora toca pensar xa na terceira edición", resumiu sobre os plans de futuro.

Comentarios