"Montar unha ópera non ten mérito, pero si unha big band"

O sarriao Román López colabora co compositor Nani García na montaxe de 'O loro de Carlos V', que se estrea na Coruña
Román López Díaz de Freijo, sentado na dársena da Coruña. MONCHO FUENTES
photo_camera Román López Díaz de Freijo, sentado na dársena da Coruña. MONCHO FUENTES

Román López Díaz de Freijo botou a infancia vendo na casa de Sarria un cartel do primeiro Festival de Jazz de Lugo, que se celebrou cando tiña 8 anos. Ese póster recórdalle que a música é unha arte sen límites.

Profesor de música no colexio San Xosé de Lugo, promoveu sen ningunha experiencia previa, a ópera buffa O loro de Carlos V, que compuxo Nani García. Réstalle ousadía á fazaña. "O que ten mérito é meu pai, que montou unha big band en Sarria a finais dos anos 80". Daquela o jazz estaba entre o exquisito e o minoritario.

José Antonio López Quiroga, contrabaixista afeccionado, reuniu músicos do seu círculo para crear Fariñas Jazz Band. "Conseguiu implicar xente traendo bos profesores". Un deses docentes foi un exalumno de Lingüística de Upsala e Estocolmo, pero non lles aprendeu particularidades idiomáticas, senón música. Nani García regresara á súa A Coruña natal para empreder unha carreira de pianista no estilo norteamericano ao que se afeccionara nos clubs cercanos ás universidades suecas nas que estudaba. García dirixiu a vangarda galega ao fundar Clunia Jazz cando comezaron os 80.

Na montaxe participan 18 integrantes da Aula de Canto que dirixe Pilocha no Centro de Música de Fingoi

Anos máis tarde viaxaba a Sarria para aserorar á Fariñas. A docencia prendeu en amizade e se converteu nun visitante habitual da vila. Nunha desas estadías comentou co fillo de José Antonio que lle gustaría montar unha ópera. Román foi quen o animou. A maiores, asumiu a ilusión. Contactou co tamén sarriao Ignacio López Juan, "que leva quince anos producindo espectáculos".

Román López nunca tivo medos porque sabía que contaba con dous profesionais sólidos da súa banda. Na produción participan o Centro Dramático Galego e o teatro Colón da Coruña, onde se estrea O loro de Carlos V. A primeira sesión comezou ás 11.00 horas deste mércores e ía dirixida a escolares da provincia da Coruña. A segunda, ás 20.00 no propio Colón. O venres repetirase á mesma hora. O sábado trasladarase ao Pazo de Cultura de Narón, onde comezará ás oito da tarde tamén. A música terá a mesma dimensión que os escenarios. Será interpretada pola Orquesta Sinfónica da Coruña, á que acompañarán 18 integrantes lucenses da Aula de Canto que dirixe Pilocha no Centro de Música de Fingoi, que teñen diversas idades.

Nani García apoiouse no barítono coruñés Borja Quiza para que o asesorase cos cantantes e en Miguelanxo Prado para que desenvolvese a estética da obra.

O barítono Borja Quiza lidera o reparto que cantará arroupado pola Orquesta Sinfónica da Coruña

A historia empeza cando Spiridon, o loro favorito de Carlos V, escapa de palacio voando pola ventá. Cando o monarca se informa ofrece unha recompensa a quen o atope. Unha parella de labregos dá con Spiridon. Poderán cobrar a recompensa, pero, para facelo, deben superar os atrancos que lle van poñer os membros da corte real.

Román López Díaz de Freijo insiste en que o mérito é alleo, en que o importante é que Nani García compuxo "unha ópera en galego que se dirixe a todos os públicos, con chiscos aos pequenos" e elementos que pode apreciar "a xente maior".

A intención é traducir o libreto ao español e ao inglés para exportar a O loro de Carlos V a España e a Europa. O produtor de Sarria sabe que a música non ten límites polo seu carácter abstracto. Foi a lección que aprendeu naquel cartel da súa casa, onde dende moi neno escoitaba composicións de reis e duques, dese Duke Ellington que lle poñía o pai.

Comentarios