Opinión

Mondoñedo, capital da narración oral galega

Esta fin de semana Mondoñedo volve a centrar a atención da vizosa narración oral galega. Hoxe mesmo, ás 21.00 horas, unha gala reunirá no auditorio municipal de Mondoñedo Pascual Veiga aos mellores narradores a narradoras do panorama oral galego para encetar o II encontro Noga (do colectivo de Narración Oral Galega). A gala, aberta a todo o público e con entrada de balde ata completar aforo, será conducida pola veterana Carmen Conde e permitirá gozar a mozos/as e adultos/as dun tipo de narración que, sendo fulcral para manter a nosa cultura durante séculos, é hoxe unha oportunidade de traballo para moitas e moitos profesionais da nosa terra.

A esta xornada inicial seguiralle un intenso sábado que conta con actividades formativas matutinas, non só para os compoñentes do colectivo Noga senón abertas a profesionais en xeral como o profesorado, traballadores/as sociais, bibliotecarios/as... Formación na que estará presente o coidado da ferramenta máis importante dos narradores (a voz), onde se reflexionará sobre como respectar a tradición oral sen caer nos tópicos da violencia patriarcal, onde aparecerán temáticas que preocupan á sociedade actual como o cambio climático ou se analizará sobre mito da violencia nos títeres, con profesionais como Faia Díaz, Eva Mejuto, Pablo Meira ou Comba Campoy. A xornada do sábado rematará coa xuntanza do Colectivo Noga no Pazo de San Tomé.

As xornadas recuncan en Mondoñedo por ser berce de Álvaro Cunqueiro, que está considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX

Estas segundas xornadas rematan na mañanciña do domingo con outra actividade totalmente aberta e gratuíta ás persoas interesadas. Un roteiro permitiralle ao público familiar gozar do inmenso patrimonio histórico da cidade de Mondoñedo mesturado con lendas e contos. O antigo quiosco situado na alameda dos Remedios (porta de entrada á cidade episcopal) será o lugar de encontro para un paseo que incluirá paradas na casa do gran mestre da narración galega (a Casa Museo Álvaro Cunqueiro), a fonte Vella, o barrio dos Muíños (a Venecia galega) para rematar na coñecida ponte do Pasatempo. Lugares de lenda nunha cidade cun encanto especial.

As xornadas, que contan coa colaboración económica do concello, recuncan en Mondoñedo por ser berce de don Álvaro, que como novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, está considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX. Álvaro Cunqueiro herdaría da súa nai, Pepita Mora, a capacidade de inventar contos ata o punto de mesturar como ninguén unha lingua culta e vangardista co rexistro oral galego máis tradicional.

Para completar o panorama cultural da fin de semana animo a asistir mañá á noite ao Clavicémbalo onde a ONG de axuda a Nicaragua, Axunica, recadará fondos para distintos proxectos sociais (comedores sociais e bolsas para os nenos do medio rural) a desenvolver integramente por fundacións xestionadas por nicaraguanos (Fundavi e Calli Tanday). No concerto, que celebra este ano a súa duodécima edición, actuarán Os Tres Temores, Airiños da Freba, Iria Estévez e Gonzo e Infrarroja e terá un custe de 5 euros por persoa.

Comentarios