Xosé Miranda: ''A 'drogha' no Cola-Cao é a versión urbana das posesións do Corpiño''

Xosé Miranda, en el Palacio de San Marcos (Foto: Ana Lamas)
photo_camera Xosé Miranda, en el Palacio de San Marcos (Foto: Ana Lamas)

Dise que o Maligno pode adoptar moitas formas. No caso da literatura de tradición oral, tamén hai varias clases de demos, como así explicou o escritor Xosé Miranda. Está o demo dos contos, por exemplo, que é un burlador burlado, ou o das lendas, que é o que se apodera das casas e das persoas, e o que realmente nos dá medo. Sobre as posesións —fundamentalmente de mulleres—, exorcismos ou santuarios como O Corpiño falou o autor lucense nunha das charlas da I Xornada de Tradición de Literatura Oral.

¿O dato dunha maoría de posesións de mulleres é cousa de Galicia ou algo universal?
Creo que é universal. O demo non quere ir aos homes, senón ás mulleres. Nun libro de Lisón Tolosana, cífrase sobre posesións en Galicia que o 63% eran mulleres menores de 50 anos.

¿De onde recopilou o material para esta ponencia?
Sobre todo, do material publicado por outras persoas no século XIX. Todo isto está desaparecido. A Igrexa católica empezou a desconfiar destas cousas e hoxe poucos curas están autorizados a practicar exorcismos. Dende que se deixaron de practicar exorcismos no Corpiño non hai endemoniados, é dicir, dende que non hai oferta non hai demanda, o que indica que a influenza da Igrexa nestas crenzas é determinante.

¿Hai moitos casos de endemoniados en Galicia?
As tres cuartas partes dos casos son da primeira metade do século XX. No ano 1964 xa non foi ningún endemoniado ó Corpiño. Segue habendo casos, pero moi poucos.

¿As lendas urbanas son a versión moderna destas historias?
Se decía que o ramo cativo, o meigallo, se adquiría porque che daban algo no alimento. Hai versións recollidas por Lisón Tolosana como a dunha persoa endemoniada, que se quedou sen mozo, e según ela foi a nova moza do rapaz, porque lle botou algo na bebida na
discoteca. De aí chegamos á ‘drogha’ no Cola-Cao, que é unha lenda urbana. Cando chega o señor de Cariño dicindo que as ‘prespitutas’ lle botaron ‘drogha’ no Cola-Cao, o que fai é reproducir o mito dos endemoniados do Corpiño. Intenta explicar algo que non entende
botando man da tradición oral.

Hai uns anos tamén se produciu unha vaga de fenómenos ovni na provincia de Lugo...
En Lugo deixouse de falar dos trasnos ou das meigas, aínda que das meigas séguese falando, e se empeza a falar de extraterrestres O que antes se explicaba como casos de posesión demoniaca, agora explícase cos extraterrestres , que son os que me puxeron un chip no cerebro e por iso non son responsable do que fago.

¿Como influiu a chegada da televisión e do cine?
Influiu a urbanización, que conleva todo isto, que fixo que as lendas tradicionais se convirtan en lendas urbanas —que teñen a súa orixe hai 200 ou 300 anos—, que se transmiten rapidisimamente polos medios de comunicación, por internet... É o que os folcloristas chaman o ‘xeroxlore’, polo da fotocopia. Hai uns anos saiu unha noticia nos xornais da Garda Civil buscando cocrodilos no río Neira. Isto é unha lenda de Nova Iorque e sucedeu en Lugo e en todas partes. Os gardas civís estaban buscando algo imposible.

¿Segue a haber lugares especialmente encantados en Galicia?
Hai moitos. Por exemplo, unha casa de Bergantiños, que se chama A Casa do Demo, onde hai cen anos ocurriron unha serie de cousas como a caída de pedras do teito, ruidos misteriosos...

¿É a que se convertiu nunha casa de turismo rural?
Si. A xente da zona segue considerando que é A Casa do Demo. Non é totalmente certo que desaparecesen estas cousas. Desaparecen porque a población rural está tamén en desaparición.

¿Hai algún lugar máxico en Lugo?
Hai unha historia na Rúa Monforte, na que había un cabalo que se aparecía. Víase a sombra do cabalo contra a parede, e ao día seguinte morría algúen. Pero isto é máis difícil de investigar na cidade que na aldea, por iso descoñecemos moito do que sucede.

¿Que tal funciona a web Galicia Encantada a nivel de recopilación?
Hai moita xente que manda as súas historias, contos, é unha páxina imprescindible.

¿O culto a morte en Galicia cambiou como a tradición oral?
O proceso de urbanización foi moi rápido. Galicia era unha das zonas de Europa onde o culto a morte era máis evidente. Agora, como ocultamos os mortos e non os vamos a ver aos cemiterios, non sei cómo vai evolucionar. Pero que a maoría de galegos cre que os mortos voltan á vida é certo, aínda que se circunscriba á poboación máis avellentada. Pero tamén saiu nesta xornada que os rapaces invocan
a Verónica, que é a filla do demo, a través dos espellos. Esta tradición consideraba que era alóctona, pero varios estudiantes nos contaron que tamén o facían aquí.

¿Os tempos de crise favorecen que o demo e as pantamas se poñan de moda?
As grandes películas de terror apareceron en EE.UU. despois da crise do 29. Non foi casualidade. Neste momento estamos nun ciclo similar.

¿Vostede cree no demo?
Non (risas), eu son absolutamente escéptico.

¿Cal foi o caso de posesión que máis lle impresionou?
Son moi similares. Son todos casos moi dramáticos, de xente enferma. Eu creo que é xente melancólica, con depresión, que recorre ó mito para explicar o que lle pasa.

Comentarios