A mirada dixital

ENTRE OS hábitos incorporados nos últimos anos á cotidianeidade está o de fotografar, con independencia do aparello utilizado, que as menos das veces é unha cámara. A posibilidade de gardar nunha tarxeta de memoria centos de imaxes, co seu conseguinte abaratamento, achegounos a unha práctica noutrora ocasional, e converteu esta en moitos casos en afección. Os sinxelos programas de edición, pola súa banda, canalizaron a arte e o enxeño. E as redes sociais, xunto co desenvolvemento da tecnoloxía dos teléfonos móbiles, fixeron o resto.

A fotografía dixital non só supuxo unha revolución para o oficio e para súa expresión artística, senón tamén, e velaí quizais a principal novidade, para a comunicación. Neste ámbito, as implicacións son diversas e conflúen case sempre na universalidade dos seres humanos en canto obxectos susceptíbeis de sermos capturados pola lente, para ben ou para mal e con consentimento ou sen el. Das consecuencias legais que a circulación das nosas imaxes pola rede poida ter tan só imos coñecendo polo de agora puntas dun iceberg que ameaza con danar en calquera momento as estruturas. Nada novo, en calquera caso. Tan só a necesidade de comunicar, por un lado, e o afán inconfesado de exhibir e observar. Tamén a popularización dunha técnica que permite o emprego dunha nova linguaxe.

Para os teóricos queda o debate sobre os efectos destas mudanzas na fotografía, e para os nostálxicos a nostalxia. Para min queda a celebración de poder captar de maneira doada o momento, e de conseguir imaxes que os meu coñecementos técnicos fixeran imposíbeis. Quedan tamén dous fenómenos que me parecen de interese. Un deles é o ensanchamento até o infinito do fotografable. A maneira na que os límites físicos e conceptuais do obxectivo foron transgredidos xa non polos artistas de vangarda senón polas persoas usuarias de cámaras dixitais e doutros dispositivos paréceme fascinante Tamén o é como estas conseguiron facerse cunha nova linguaxe e adaptala ás súas preferencias. O outro fenómeno, que os teóricos serán quen de definir mellor, é o da contaminación fotográfica, que nos fai ver polo visor ou a pantalla antes que polos propios ollos. Tal deformación explica, por poñer un exemplo, unha escena ben familiar en lugares turísticos: a de percorrer unha distancia longa ou difícil para chegar a un destino coa única finalidade de tirar unha fotografía e coller camiño de volta. O feito de ocupar o tempo do que dispoñemos para unha visita en disparar freneticamente sen gozar daquilo que non colle nunha imaxe converteuse nun hábito viaxeiro frecuente. E escribo estas liñas, insisto, sen nostalxia. Cando menos, sen máis nostalxia que a do pracer da admiración con todos os sentidos, tamén co da mirada. Mesmo co da mirada dixital.

Comentarios