Blog | As Calzadas

Miñocas

PLANTAR unha árbore nun colexio pode parecer unha nimiedade. Algúns pensarán que é unha simple anécdota e os máis críticos, que sempre os hai, dirán que con tanta actividade paralela os nenos non están ao que teñen que estar. E claro que teñen que estar ás matemáticas e a lingua, pero o Coñecemento do Medio, ou como queira que se chame agora o que na época de EXB, a miña, eran as Ciencias Naturales (e Sociales), tamén está no temario. E coido eu que o ensino empírico ten bastante máis efectividade ca un debuxo na folla dun libro. Sei plantar unha árbore, e abofé que non o aprendín nun. Os libros son imprescindibles, é unha obviedade, pero iso non desmerece que haxa moitas leccións que se poden aprender fóra da aula. Depende dos mestres e da súa implicación, e tamén das familias. Non sei se un neno ten que usar un sacho, pero si debería saber para que serve e como se usa. Persoalmente, plantar unha árbore antóllaseme básico na educación actual, sobre todo dende que un neno chairego lle chama lombriz a unha miñoca. Poida que as palabras signifiquen o mesmo, pero entre elas hai un abismo. E se iso se ve normal, entón citarei a unha ilustre nena: «Paren el mundo, que me quiero bajar».

Comentarios